Ana Miranda reclama o aumento de investimentos públicos para a detección e tratamento do cancro
A eurodeputada do BNG defende o uso da vacina do papiloma humano para prever o cancro de útero
No marco do debate sobre as estratexias de loita contra o cancro celebrado no Parlamento Europeo, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, defendeu o aumento de investimentos públicos para a súa detección e tratamento completo e gratuíto. “Para loitar contra o cancro todas as mulleres deben ter acceso universal e gratuíto aos servizos de saúde públicos, que non deben ser reducidos polas políticas de austeridade contra as que o domingo pasado se manifestaron en Galiza 40.000 persoas”, salientou.
Para a eurodeputada nacionalista é imprescindible afondar nos programas de información, sensibilización e detección precoz, que permiten incrementar as taxas de supervivencia entre as pacientes do cancro de mama, ao poder aplicar os tratamentos axeitados nos primeiros momentos da súa detección. “Os Estados Membros deben seguir traballando nesta liña, xa que a taxa de supervivencia das pacientes afectadas polo cancro de mama pode acadar o 80% nos casos de diagnóstico precoz e tratamento oportuno; pero tamén mellorar os tratamentos de outros tipos de enfermidade, como o cancro de ovario e de útero”, sinala.
Ana Miranda avogou asemade polo emprego da vacina contra o cancro do papiloma humano, causado por un virus de transmisión, sexual, en tanto que cientificamente estase amosando como unha ferramenta tremendamente útil para frear o seu avance, cunha efectividade directa do 94% en Galiza. “Poder avanzar na protección contra este cancro entre as nosas mozas é unha tarefa impensable hai anos, pero agora vemos que é posible”, manifesta a eurodeputada, quen tamén defende o desenvolvemento de campañas de información e sensibilización nos centros de ensino secundario para informar ás mulleres novas sobre esta infección.
Acompañamento durante todo o proceso
A deputada galega tamén quixo trasladar o seu apoio as mulleres afectadas polo cancro e as súas familias. Segundo indicou, o “sufrimento físico e psicolóxico que causa é tremendo, polo que son imprescindibles políticas públicas de acompañamento durante todo o proceso, desde a detección até o fin da terapia”. “A difusión de lazos como forma de sensibilizar é oportuna, pero o verdadeiramente imprescindible son os investimentos para que os tratamentos sexan públicos, universais e gratuítos”, subliña Miranda.