Ana Miranda: “A presenza do BNG no Parlamento Europeo é garantía da defensa do sector pesqueiro”
A candidata do Bloque comprometeuse a levar “unha patela na cabeza se fai falla para levar de novo a Bruxelas os problemas do país”
A eurodeputada do BNG e candidata ás eleccións europeas, Ana Miranda, subliñou hoxe en Muros a importancia de que o Bloque volva ter presenza no Parlamento Europeo para toda a costa galega, xa que segundo afirmou esta presenza “é a garantía de defender o noso sector pesqueiro, de defender a seguridade marítima e defendernos contra a contaminación que poida vir de mareas negras ou mareas brancas”.
“Que o BNG estivera en Bruxelas foi a proba de que sempre levamos ao sector cando fixo falta e se fai falla levaremos unha patela na cabeza para levar de novo os problemas do noso país, para defender o dereito a producir e a vivir na nosa terra”, dixo a candidata do Bloque, ao tempo que levantaba unha patela no acto público no que interveu en Muros, no que tamén participaron os candidatos 2 e 4 ás eleccións europeas, Bieito Lobeira e Rogelio Santos Queiruga, respectivamente, e a alcaldesa María Lago.
Neste sentido afirmou que Galiza é unha nazón pesqueira e “ten que ser respectada, porque queren mandar en nós, como pasou co xeito e ali estivemos. Porque non hai dereito que a Union Europea decida sobre a nosa soberanía pesqueira, en ridículas cotas de pesca que nos limitan e non entenden a nosa costa”.
Por outro lado, na súa intervención, Ana Miranda destacou tamén que grazas ás propostas do Bloque mellorou a seguridade do transporte marítimo cando leva sustancias contaminantes como os pellets, de forma que “vai agora ser tido en conta e acadamos que cando haxa un accidente, funcionen as alertas e os plans anticontaminacion por parte do Gobernos”. Neste sentido lembrou cando a alcaldesa María Lago viaxou a Estrasburgo, en xaneiro deste ano, para analizar nas institucións europeas as consecuencias do verquido de pelets. “Xa abonda que a costa galega sufra verquidos chegados do resto de Europa! Non somos un vertedoiro!”, manifestou a eurodeputada do Bloque.
Fronte aos lobis
“O BNG aspira a voltar ao Parlamento Europeo pois na Union Europea decídense cousas moi importante que afectan á nosa vida diaria, e temos que ter voz propia, voz galega en Europa para falar do noso”, destacou Ana Miranda, ao tempo que fixo referencia a Altri. “Defendemos os intereses do Pobo galego fronte aos lobis que buscan espoliar os nosos recursos e que os fondos europeos non se malgasten, como está facendo o PP con ALTRI”, dixo ao respecto, enviando un saúdo ao integrante da candidatura europea, “Fernando de Santiso e o noso Alcalde, que están librando unha colosal batalla contra esa macrocelulosa”.