Ana Miranda presenta en Londres as candidaturas do BNG para os vindeiros procesos electorais
A eurodeputada do BNG achegarase o luns á prisión na que se atopa Julian Assange
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, presenta mañá en Londres as candidaturas do Bloque para as vindeiras citas electorais, -xerais, municipais e europeas-, nun acto que terá lugar ás 16 horas no Haggerston Community Centre. No encontro Miranda continuará establecendo pontes coa comunidade galega na diáspora, como vén facendo ao longo da súa traxectoria.
En concreto, no último ano a eurodeputada nacionalista xa participou en diversos encontros cos galegos residentes no Reino Unido en Alemaña e mesmo representantes da diáspora en Chequia, Suíza, Dinamarca e Bélxica, entre outros, reuníronse recentemente en Bruxelas a fin de intercambiar propostas de cara aos diversos procesos electorais.
Para o BNG “resulta primordial afrontar os retos electorais coa máxima coordinación posible, sobre todo tendo entre as nosas filas militantes con tantas gañas de traballar a prol do proxecto do Bloque”, salientou Ana Miranda, quen no acto de mañá falará do seu traballo como eurodeputada, pero tamén abordará cales son as consecuencias do Brexit para a comunidade galega residente no Reino Unido.
Críticas á detención de Assange
Por outro lado, xa o luns a eurodeputada do BNG ofrecerá unha rolda de prensa -ás 10 horas-, diante da prisións de Belchmark, na que se atopa Julian Assange tras a súa detención o pasado xoves na embaixada de Ecuador da capital británica. Precisamente Miranda tiña previsto manter un encontro este luns con Assange e a vicepresidenta de Exteriores do Bundestag, a deputada alemana Heike Haensel, tal e como o luns 8 de abril lle confirmara a propia embaixada.
Ana Miranda considera “escandalosa” a retirada de asilo por parte de Ecuador e salienta que a detención do xornalista supón “implicacións moi perigosas para a liberdade de prensa se permitimos que as persoas sexan encarceradas por publicar información filtrada que expón as irregularidades dun goberno". Ao seu xuízo "o arresto e a solicitude de extradición semella máis unha vinganza que xustiza”.