Ana Miranda pregunta á Comisión Europea se existe financiamento para o saneamento da ría de Cee e Corcubión
Na súa pregunta, Ana Miranda explica que a ría de Cee e Corcubión presenta importantes problemas de contaminación e falta de saneamento integral das augas residuais como consecuencia da ausencia de redes separativas de augas fecais e pluviais, tal como recoñece a propia Aguas de Galicia. “Estas carencias provocan, xunto ao mal funcionamento da EDAR, o vertedoiro á ría de millóns de litros de auga sen depurar”, denuncia a portavoz nacionalista en Europa, quen subliña o grave que resulta non ter en conta as directrices Directiva Marco da Auga para as rías e ríos galegos.
“O descenso da actividade económica e dos postos de traballo relacionadas coa pesca e o marisqueo nas localidades afectadas pola contaminación das augas é unha constante na nosa cosa, que ten unha alta dependencia da actividade pesqueira e extractiva”, apunta Miranda, quen acusa por outro lado ao goberno galego de “non tomarse este asunto en serio” ao non estar pendente dos recursos que pon a disposición periodicamente Bruxelas para paliar os problemas de falta de saneamento.
Exemplo do desleixo
Como exemplo desta situación, a portavoz do BNG en Europa menciona o caso da praia da Concha, pechada ao baño desde hai máis de vinte anos. “É vergonzoso que atopándose nun lugar privilexiado da Costa da Morte este areal estea nestas condicións”, manifestou, ao tempo que lembrou a participación do concelleiro do BNG Serxio Domínguez nunha conferencia no Parlamento Europeo sobre o saneamento da auga, o pasado mes de marzo, na que explicou as causas da contaminación desta zona, o cal mostra a preocupación constante das nacionalistas pola mellora da calidade da auga. “É prioritario dispoñer de orzamento para a limpeza desta praia e o saneamento da ría”, subliñou Miranda.