Ana Miranda pide que o xuízo do Alvia inclúa a comparecencia dos responsables da Axencia Ferroviaria Europea
A eurodeputada do BNG considera que o testemuño de representantes da ERA son imprescindibles para esclarecer a verdade do accidente de Angrois
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, vén de dirixirse por escrito ao fiscal xefe de Santiago de Compostela para solicitarlle que o xulgado que instrúe a causa polo accidente do Alvia, acontecido o 24 de xullo de 2013, inclúa a comparecencia do Director da Axencia Ferroviaria Europea (ERA), Josef Doppelbauer e do xefe da unidade de Seguridade Ferroviaria Christopher Carr.
Para a eurodeputada nacionalista, o testemuño de Doppelbauer e de Carr son “fundamentais para coñecer a verdadeira causa do accidente de Angrois”. Miranda lembra ao respecto que a comparecencia de Carr na Comisión de Investigación que se está desenvolvendo no Congreso está prevista para mañá 14 de novembro.
Precisamente Ana Miranda critica o “veto vergonzoso” exercido por PP e PSOE para que poida asistir como público na comparecencia do xefe de Seguridade da ERA. A eurodeputada nacionalista solicitoullo ao presidente da Comisión de Investigación, Feliu Guillaumes, en calidade de única denunciante contra o Estado Español por procedemento de infracción polo incumprimento da normativa de seguridade ferroviaria europea levado á Comisión Europea e do que está pendente de resposta por parte do executivo comunitario.
Esa denuncia reclama a apertura dun expediente contra o Estado Membro por vulneración da normativa comunitaria aplicable no momento do accidente do tren Alvia sobre seguridade e interoperabilidade ferroviarias, en relación co aspecto do control integral dos riscos e en relación cos cambios substanciais na seguridade ferroviaria que se fixeron no tren Alvia da liña Ourense-Santiago.
Control de riscos
A normativa comunitaria esixe que o Estado español debía ter velado porque RENFE e ADIF aplicaran obrigatoriamente as medidas necesarias de control de riscos, coa responsabilidade de que houbera unha explotación segura do sistema ferroviario e do control de riscos creados nel, tal como esixe a Directiva Marco de Seguridade Ferroviaria de 2004 e o Regulamento do Método Común de Seguridade de 2012. Esta normativa esixe realizar unha avaliación de riscos integral nos sistemas estruturais (Infraestrutura, enerxía, control de mando e sinalización, sistemas de xestión do tráfico ferroviario...) e tanto RENFE como ADIF eran responsables da súa parte do sistema e da explotación segura.
“Que PP e PSOE impiden a asistencia da persoa que motivou que Europa opinara é unha actitude totalmente antidemocrática. Será que teñen algo que agochar sobre os seus ex ministros”, salienta a eurodeputada do Bloque, quen considera que o democrático sería que Pilar Cancela e Odón Elorza por parte do PSOE e Celso Delgado polo PP non impediran a súa asistencia “como público” á Comisión.
Sobre os sucesivos vetos, Miranda lembra que a propia Comisión de Investigación xa impediu que se proxectara o documental Frankenstein, -que si puido ser visto no Parlamento Europeo-, ao igual que unha nova comparecencia das vítimas, posibilidade que levan reclamando en reiteradas ocasións.