Ana Miranda: “A pesca artesanal galega necesita máis protección, non máis control”
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, subliña que o regulamento de control pesqueiro, -aprobado hoxe na Eurocámara co voto en contra do Bloque-, é discriminatorio para o sector pesqueiro galego, xa que non recolle as especificidades da pesca galega nin as súas demandas de forma suficiente, por exemplo ao seguir contemplando a necesidade de transmitir os datos de xeito electrónico por parte da pesca artesanal antes de desembarcar.
“Desde o Bloque mantemos a nosa oposición ao regulamento do control da pesca para a pesca artesanal, que inclúe á declaración electrónica dos cadernos diarios de pesca, de transbordo e de desembarque, xa que é unha medida excesiva”, sinala Ana Miranda, quen considera que o sector xa está suficientemente controlado, posto que está suxeito a cotas máximas de capturas, puntos de control e vixilancia dos bancos marisqueiros.
En concreto, os bancos marisqueiros están delimitados por especie e son sometidos a controis científicos, de maneira que é un sector que conta con medidas de supervisión, inspección e vixilancia que garanten a súa sostibilidade. En consecuencia, a eurodeputada nacionalista sinala que a frota artesanal galega, integrada en Galiza por 4.000 embarcacións aproximadamente, “necesita máis protección, non máis controis”.
O Bloque considera inaceptable a imposición por parte de Europa de máis trámites administrativos tanto para os mariñeiros como para as confrarías que segundo Ana Miranda “fan o seu traballo máis complicado do que xa é”. “O lóxico é que os mariñeiros queiran pescar, non perderse en máis trámites burocráticos”, engade Miranda, quen por outro lado critica a ausencia do Comisario Virginijus Sinkevičius no debate celebrado onte na Eurocámara sobre este regulamento.
Descoñecemento do sector
“Os nosos sectores pesqueiro e marisqueiro teñen unhas singularidades que deben ser respectadas na Unión Europea e lamentamos que Europa se empeñe ano tras ano en obvialas”, subliña Miranda, quen lembra as distintas protestas desenvolvidas polo sector pesqueiro galego ao longo dos anos 2021 e 2022 en contra do regulamento do control pesqueiro.
Para o BNG, o regulamento de control sigue ignorando a realidade da frota galega, de baixura e artesanal do noso país e “unha vez máis móstrase o descoñecemento que en Europa teñen do sector pesqueiro galego”, apunta a eurodeputada do Bloque, quen lembra que as sucesivas normativas que se veñen aprobando en Europa teñen como única consecuencia o desmantelamento do sector pesqueiro galego e a perda de postos de traballo.