Ana Miranda participa nunha delegación de eurodeputados de apoio á democracia na segunda volta das presidenciais en Brasil
A eurodeputada expresa a solidariedade do BNG cos colectivos que sofren as ameazas máis graves: mulleres, pobos orixinarios e afrodescendentes e comunidade LGTBIQ+
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, forma parte dunha delegación de sete eurodeputados –que representan a tres grupos políticos da Eurocámara- que viaxa a Brasil para participar nunha misión de acompañamento electoral en apoio á democracia na segunda volta das eleccións presidenciais que se celebrarán mañá, 30 de outubro. A delegación de eurodeputadas e eurodeputados é, xunto as embaixadas europeas en Brasilia, a representación dunha UE preocupada pola evolución dos acontecementos no país.
“Deputados e deputadas do Parlamento Europeo de tres grupos políticos diferentes quixemos estar presentes na segunda volta das eleccións presidenciais de Brasil ante a preocupación pola violencia política e os ataques sistemáticos á democracia brasileira”, explica Ana Miranda, quen critica que o actual presidente de Brasil non permitira realizar unha misión de observación electoral da UE.
Ademais da desacreditación das institucións electorais brasileiras por parte do goberno de Bolsonaro, e en xeral polas institucións democráticas –que ten sido unha constante ao longo destes meses-, a delegación de eurodeputadas e eurodeputados teme un aumento da violencia, as ameazas e a intimidación ao longo da xornada electoral, así como o impedimento da transferencia pacífica do poder se perde.
“Quero expresar a miña solidariedade ás mulleres, aos pobos orixinarios e afrodescendentes e ás persoas LGBTIQ+, que xunto aos candidatos políticos son os colectivos que están sufrindo as ameazas máis graves por parte do goberno de extrema dereita, polo que ven limitadas as súas posibilidade de representación nas decisións que lles afectan”, manifesta Ana Miranda, quen xunto a deputada brasileira Ediane María participou na visita a unha cociña económica e unha ocupación de terra do Movemento Trabalhadores sen Teito.
Paralización de proxectos
A coordinadora de Relacións Internacionais da Executiva do Bloque considera que estas son unhas eleccións de gran transcendencia non só para Brasil e Latinoamérica, senón a nivel mundial, dado o risco que supón para a democracia e para a paz unha eventual vitoria de Bolsonaro. Neste sentido lembra que actualmente hai varios proxectos de cooperación con Brasil que están paralizados no Parlamento Europeo, precisamente por diverxencias co goberno de Bolsonaro:
“A UE paralizou varios proxectos con pobos indíxenas e sobre dereitos humanos, entre outras razóns polos problemas coa democracia no Brasil”, explica Ana Miranda, quen subliña que “votar por Lula á votar pola democracia en Brasil, polo respecto do medio ambiente, polos pobos orixinarios e polas clases populares”.