Ana Miranda participa na misión oficial do Parlamento Europeo que nos vindeiros días se desprazará a Palestina
Oito anos despois de ser deportada polo exército de Israel a raíz da súa participación na III Flotilla da Liberdade, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, volve a Palestina, nesta ocasión como integrante da Delegación de Palestina no Parlamento Europeo que se desprazará a Palestina na vindeira semana. “Prometín que un día volvería a Palestina e así será”, salientou Miranda, quen explica que xa caducou a prohibición de entrada expedida tras a súa deportación.
A eurodeputada nacionalista subliña o compromiso do Bloque cos pobos oprimidos, entre os que destaca o Pobo Palestino, que nos territorios ocupados sofre un brutal bloqueo e unha total vulneración dos dereitos humanos. Neste sentido Ana Miranda sinala que como membro da delegación manterá diversas reunións entre as que destacan co Ministro de Exteriores de Palestina.
As reunións previstas abarcan diversos eidos políticos e sociais, como son coas ONG que traballan na defensa dos dereitos humanos e os partidos políticos palestinos, os sindicatos de xornalistas palestinos, así como a Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina en Oriente Próximo (UNRWA), que desenvolve un traballo no campo de refuxiados de Nablus. Igualmente, están programados encontros en relación ás políticas de reasentamento e demolicións que leva a cabo Israel e que foron denunciadas en distintas Resolucións do Parlamento Europeo e a ONU.
Como integrante da delegación que viaxará a Palestina -encabezada pola eurodeputada dos Verdes-ALE Margrette Auken e formada por 4 grupos parlamentarios da Eurocámara-, Ana Miranda visitará Xerusalém, Ramalah, Nablus e Gaza.
Axuda humanitaria
O buque Marianne da III Flotilla da Liberdade, que en xuño de 2015 se dirixía ao porto de Gaza co obxectivo de romper o bloqueo israelí ao enclave palestino, foi interceptado polo exército de Israel en augas internacionais. Neste buque, ademais de Ana Miranda, viaxaban membros da Flotilla Internacional, de Rumbo a Gaza, xornalistas, parlamentarios europeos, o deputado árabe-israelí Bassel Ghattas e o expresidente tunesino Moncef Marzouki. Nesa viaxe, o Marianne transportaba paneis solares e equipamento médico. Miranda foi deportada por Israel despois de 43 horas de secuestro do barco e un chamamento solidario, polo que considera que “voltar a Palestina ten o sentido de continuar defendendo os dereitos do Pobo Palestino e tamén a emoción de voltar despois do secuestro”.