Parlamento Europeo

Ana Miranda: “Desde o Parlamento Europeo denunciamos o xenocidio en Gaza e reclamamos sancións contra Israel”

Ana Miranda
A eurodeputada do BNG acada que vinte representantes dos grupos da Eurocámara Verdes/ALE, The Left e S&D unan as súas voces contra a ocupación de Palestina

Un total de vinte eurodeputadas e eurodeputados de tres grupos diferentes da Eurocámara secundaron a convocatoria organizada pola eurodeputada do BNG, Ana Miranda, para expresar a súa repulsa ao xenocidio en Gaza, contra a intervención no Líbano e contra a ocupación en toda Palestina, e o máis urxente, a axuda humanitaria e o cese ao fogo.

“Fixemos un claro chamamento ao Parlamento Europeo e ás institucións europeas para que emitan sancións contra Israel e, sobre todo, que fagan un chamamento ao cese ao fogo”, resaltou Miranda tras a rolda de prensa, na que se demandou a ruptura do acordo de asociación e as relacións diplomáticas con Israel.

A eurodeputada galega subliñou que “non se pode consentir que un ano despois de empezar o xenocidio sigan tendo esa impunidade que ten Israel e sigan asasinando vítimas e sigan destruíndo hospitais e escolas”. “Facemos este chamamento para que o Parlamento Europeo teña unha voz forte en Europa e non siga sendo cómplice deste xenocidio”, engadiu Miranda.

Accións conxuntas

Ana Miranda sinalou que a convocatoria celebrada hoxe é “a primeira das accións conxuntas que se realizan nesta lexislatura e agardemos que non sexa a última”. A eurodeputada do Bloque puxo en valor que na convocatoria participaron voces de máis de 20 territorios, ao participar 20 deputadas e deputados de tres grupos distintos da Eurocámara, entre as que se atopaba a presidenta da delegación de Palestina.

Así, tomaron a palabra deputadas e deputados de Greens/EFA, The Left e S&D. En concreto, por parte de Greens/EFA participaron Vicent Marzà; Gordan Bosanac; Leoluca Orlando; Jaume Asens; e Vladimir Prebilič. Por parte de The Left participaron Irene Montero; Pernando Barrena; Rima Hassan; Estrella Galán; Per Clausen; Hanna Gedin; Lynn Boylan; Catarina Martins; João Oliveira; e Kathleen Funchion. Finalmente, de S&D a rolda de prensa contou con Cecilia Strada; Matjaž Nemec; Daniel Attard e Alex Agius.