Ana Miranda e Jose Gusmão debaten este sábado sobre o futuro da UE e os principais temas que afectan a Galiza e Portugal
A portavoz do BNG en Europa participa nun debate, o próximo día 17 de outubro, co eurodeputado do Bloco de Esquerda (BE) Jose Gusmão para abordar distintos aspectos da UE e a Europa dos Pobos, que desde unha óptica internacionalista e de esquerdas ambas organizacións defenden. Así, o acto –moderado polo coordinador do BNG en Portugal, Alberte Paz, servirá para afondar nos vínculos xa existentes entre o BNG e o BE ao abordar diversos asuntos que atinxen tanto a Galiza como a Portugal.
No debate, -que se desenvolverá baixo o título “Galiza e Portugal: Que Europa queremos?” e se poderá seguir en directo desde as redes sociais do BNG e desde a páxina de facebook do BNG Portugal-, persoas emigradas a Portugal poderán abordar cos seus representantes en Europa cuestións como a situación dos traballadores transfronteirizos ou os sectores produtivos.
Iniciativas conxuntas
Miranda e Gusmão explicarán as distintas iniciativas conxuntas que BNG e Bloco de Esquerda teñen desenvolvido conxuntamente na Eurocámara, na defensa da modernización da rede ferroviaria de transporte Vigo – Porto; no impulso da Rede Natura común, en concreto no parque de Peneda-Xurés; na loita e prevención dos incendios; na defensa dos bens comúns e da seguridade laboral. Impulsáronse tamén niciativas internacionalistas sobre o Sáhara, Curdistán e Palestina.
Na palestra falarase tamén sobre o futuro da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa, da que Galiza é a única zona onde se fala galego-portugués que non participa. Ademais, analizarase o grao de desenvolvemento da Lei Paz-Andrade, lei do parlamento da Galiza que defende a aproximación das culturas galega e portuguesa, a través de diversas ferramentas como a radio e a televisión públicas ou o reforzo do ensino do portugués na Galiza. Así, avaliaranse as posibles formas de reforzar e impulsar a lei desde as institucións europeas.