parlamento europeo

Ana Miranda insta á Unión Europea a negociar os acordos de pesca coa Fronte Polisaria e respectar o Pobo Saharauí

Ana MIranda TXUE Sáhara
A eurodeputada do BNG subliña que é imprescindible negociar cos lexítimos donos das augas do Sáhara Occidental

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, defende que a anulación, por parte do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE), dos acordos comerciais entre a UE e Marrocos en materia de pesca e de produtos agrícolas abren unha nova etapa na que a Unión Europea debe negociar coa Fronte Polisaria eses acordos de forma que se respecto o Pobo Saharauí.

Seguindo as consideracións que expresou o TXUE, nas negociacións comerciais que se establezan a partir de agora é necesario que se teñan en conta “os lexítimos donos das augas do Sahara Occidental, é dicir, o Pobo Saharauí”, sinala Ana Miranda, quen considera que “é inadmisible que se repita o esquema mantido até agora, cando só se tiñan en conta os intereses de Marrocos”.

“A Comisión Europea ten que dar un paso adiante e non deixarse vender polas presións de Marrocos nin tampouco do Estado español, que tan amigo de Marrocos é, e que está afectando ao que poden ser os acordos futuros. Nós dende o BNG consideramos que si pode haber un acordo de pesca, pero ten que ser coa Fronte Polisaria”, manifesta a eurodeputada do Bloque.

Para a eurodeputada galega, unha vez rematada a vixencia do acordo pesqueiro da UE con Marrocos (en xullo de 2023) e a recente publicación da sentenza do TXUE “resulta imprescindible cumprir a legalidade internacional e contar coa Fronte Polisaria, tal e como levamos defendendo no BNG desde hai anos, apoiando as reclamacións do Pobo Saharauí”.

Licencias pesqueiras

Ana Miranda lembra que o acordo pesqueiro entre a Unión Europea e Marrocos afectaba a 128 licencias de pesca europeas, 93 delas correspondentes ao Estado Español, e que o Frente Polisario xa manifestou en diversas ocasións a súa dispoñibilidade para que esas licencias pesqueiras europeas sexan negociadas, respectando os dereitos do Pobo Saharauí sobre o Sáhara Occidental.

“Garantir a continuidade da actividade pesqueira en augas do Sáhara occidental só é posible mediante a negociación cos seus lexítimos representantes, isto é, coa Frente Polisaria”, subliña Miranda.