Ana Miranda insta á Comisión Europea a inspeccionar os residuos nucleares depositados na Fosa Atlántica
O BNG lembra que o Tratado Euratom obriga aos Estados da UE a controlar permanentemente o índice de radioactividade
A eurodeputada do Bloque Nacionalista Galego, Ana Miranda, denuncia a existencia de 140.00TM de residuos nucleares depositados en 220.000 bidóns na Fosa Atlántica e demanda á Comisión Europea que faga cumprir o Tratado Euratom. Este documento obriga aos Estados Membros da UE a controlar de forma permanente o índice de radioactividade da atmosfera, as augas e o solo do seu territorio.
Miranda critica que a resposta da Comisión Europea sobre as inspeccións pertinentes sexa descoñecer a data de cando se realizou a última supervisión dos verquidos ou cando está programada a próxima. “É unha irresponsabilidade que a Comisión Europea recoñeza que participa no traballo do Comité OSPAR de control da radioactividade mariña no Atlántico norte pero non saiba cando se realizan as inspeccións”, manifesta. “Imos ter que voltar nun novo barco Xurelo a denunciar que os residuos radioactivos seguen fronte ás nosas costas”, engade.
O BNG lembra que neste ano 2018 remata a prohibición dos verquidos despois da moratoria voluntaria de 1983, pero que até 1982 se empregaron diversos emprazamentos de inmersión de residuos nucleares, fundamentalmente no Atlántico nororiental, recollidos en diversos tratados. E non foi até 1993 cando se prohibiu o vertido ao mar de residuos radioactivos.
Por outro lado, e sobre o posible efecto dos residuos antigos, a Comisión Europea remítese a un estudo publicado no ano 2003, centrado na exposición da poboación comunitaria á radioactividade procedente das augas mariñas do norte de Europa. Este estudo considera que os niveis máis altos se detectaron nos anos 60 e principios dos 70, cando se detectaron varias fugas nos bidóns contedores, pero non se considerou que as súas consecuencias fosen significativas.
Actualización de datos
“Resulta cando menos curioso que a Comisión diga que non se revelaron aumentos significativos da radioactividade mariña ao longo de trinta anos cando o estudo que emprega para afirmalo data de hai quince anos”, sinala Ana Miranda, quen reclama á Comisión Europea que actualice os seus datos mediante o cumprimento dos artigos 35 e 36 do Tratado Euratom.
O Bloque quere fuxir de todo tipo de alarmismo a respecto desta cuestión, pero si considera que debe realizarse inspeccións periódicas tal e como aprobou o Parlamento Europeo en sesión plenaria o 11 de decembro de 2007. Precisamente o Estados comprometíanse a realizar unha primeira avaliación das súas respectivas zonas mariñas e analizar as disintas presións as que está sometido o medio ambiente.