Ana Miranda insta ao próximo presidente do Estado a ilegalizar a Fundación Franco
A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, insta ao presidente do goberno que saia das urnas o vindeiro 10 de novembro a cumprir as directrices que marcan a Resolución contra o avance do fascismo en Europa, aprobada na Eurocámara o 25 de outubro de 2018. Segundo salienta Miranda, entre esas directrices figuran a prohibición das asociacións e organizacións que fan apoloxía do fascismo e do nazismo, como é o caso da Fundación Franco.
“É inadmisible que siga existindo unha fundación que fai apoloxía da ditadura, é unha anomalía democrática”, subliña a portavoz do BNG en Europa, para quen existe “unha valiosa ferramenta para frear o avance do fascismo”, xa que no seu artigo 20, a Resolución urxe aos Estados Membros a prohibir as asociacións e organizacións que fan apoloxía do fascismo e do nazismo. “É igualmente inadmisible que os Franco pidan aumento das penas aos activistas que reclaman a devolución dos bens incautados polo ditador e a súa familia”, engade, en referencia ao xuízo suspendido este martes pola ocupación simbólica da casa Cornide.
Segundo afirma Ana Miranda, “a presenza do Bloque no Congreso é imprescindible para aumentar a presión que faga realidade a prohibición da fundación Franco e a devolución do pazo de Meirás”. Considera que a retirada dos restos de Franco do Val de Cuelgamuros é só un paso e que cómpre seguir avanzando na devolución do pazo de Meirás e o resto de bens e inmobles incautados polo ditador e na prohibición da fundación Franco.
“Do mesmo xeito é unha anomalía democrática que no estado español aínda convivan oito fundacións franquistas”, en referencia á Fundación Francisco Franco, a Fundación José Antonio Primo de Rivera, a Fundación Pro Infancia Queipo de Llano, a Fundación Blas Piñar, Fundación Hijas de Millán Astray, a Fundación Ramiro Ledesma Ramos, a Fundación Serrano Suñer e a Fundación Capitán Cortés.
Acceso á documentación
“Lamentablemente no Estado español aínda queda moito por facer”, critica Miranda, quen, á devolución do pazo de Meirás e o resto de bens espoliados polo franquismo, engade a retirada completa da simboloxía franquista aínda existente e permitir o acceso á documentación relacionada coa ditadura. Neste sentido lembra que o BNG xa instou á ONU a investigar ao Estado español por vetar o acceso a documentación pública e privada sobre a ditadura franquista e pola existencia de fundacións ligadas ao franquismo, “un anacronismo en Europa”. Precisamente esa fundación Franco é a que xestiona o Pazo de Meirás, “un símbolo vixente da ditadura”, do que os herdeiros do ditador seguen desfrutando.