Ana Miranda insta ao Comisario de Pesca a ter en conta o criterio socioeconómico na revisión do veto á pesca de fondo
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, interpelou ao Comisario de Pesca da Comisión Europea, Virginijus Sinkevičius, sobre a revisión do veto á pesca de fondo en 87 caladoiros do Atlántico Norte aprobado pola Comisión o pasado 15 de setembro. Na Comisión de Pesca celebrada hoxe na Eurocámara expresou a preocupación do Bloque e do sector pesqueiro polas consecuencias desta medida. “En realidade non é que estea preocupado, é que está enfadado”, apuntou.
Ana Miranda alertou das graves consecuencias que este veto ten para a frota galega “desde as redeiras ás mariscadoras” e criticou a toma de decisións sen ter en conta a súa dimensión social. A pesca supón preto do 6% do PIB e a medida afecta a 200 barcos de capital directamente galego e 900 de forma indirecta, con máis de 4.000 tripulantes afectados, sobre todo nos portos de Vigo, Ribeira, Coruña, Celeiro, así como en toda a cadea da pesca.
Así, instou ao Comisario de Pesca a ter en conta os criterios socioeconómicos na revisión do veto á pesca de fondo. “Avalíen as estatísticas e os indicadores a nivel europeo con datos socioeconómicos, científicos e medio ambientais fiables e suficientemente significativos”, manifestou a eurodeputada do Bloque.
“Son eurodeputada do BNG, o segundo partido do meu país, Galiza, e o primeiro da oposición. Por iso en calidade de representante dunha zona altamente dependente da pesca pídolle que cando veña a Galiza fale cos tres partidos políticos con representación no Parlamento Galego. Non sexa secuestrado só para ir as illas Cíes, como foi, senón vaia aos portos, desde A Guarda a Celeiro”, sinalou Ana Miranda en relación a visita a Galiza realizada polo Comisario en setembro de 2021.
Co obxectivo de abordar estas cuestións, a eurodeputada nacionalista reiterou ao Comisario de Pesca a súa proposta de manter un encontro bilateral, ao que Virginijus Sinkevičius manifestou a súa dispoñibilidade.
Fracaso da Política Pesqueira Común
Por outro lado, na súa intervención, a eurodeputada do Bloque tamén fixo referencia ao fracaso da Política Pesqueira Común. Así, criticou que desde o ano 2004, -cando en Galiza había 5.600 buques-, pasouse aos 4.200 unidades, o que supón o desguace de 1.400 barcos. “O impacto da PPC ten sido terrible, tanto na frota como nos empregos”, sinalou, ao tempo que denunciou que non se cumpriron os obxectivos marcados para a Política Pesqueira Común, de manter un equilibrio entre o criterio medioambiental, o social e o económico.
“Con esta PPE produciuse unha discriminación das frotas”, denunciou Miranda, quen considerou que o sistema actual de TAC’s e cotas fracasou e non se modificou o criterio de estabilidade relativa. Ao seu xuízo, a reforma da PPC debe considerar a dimensión social como unha prioridade: Desde o punto de vista da mellora das condicións de traballo, a mellora da formación marítimo pesqueira no sector, da modernización da frota para facer que os buques de pesca sexan máis seguros nas duras condicións que ten a pesca en xeral.