Ana Miranda inicia a actividade parlamentar no PE como titular na Comisión de Pesca e coordinadora da Comisión de Peticións polo grupo Verdes – ALE
A eurodeputada BNG, Ana Miranda, inicia a súa actividade na Eurocámara na defensa dos intereses de Galiza como integrante titular na Comisión de Pesca e coordinadora da Comisión de Peticións en nome do grupo parlamentar Verdes – Alianza Libre Europea, no que está integrado o Bloque no Parlamento Europeo. Ademais, a eurodeputada galega tamén desenvolverá o seu traballo parlamentar como coordinadora na Comisión de Desenvolvemento (DEVE).
Por outro lado, a eurodeputada nacionalista tamén é integrante substituta na Comisión de Política de Cohesión (REGI) e seguirá moi polo miúdo as Comisións de Transporte e Emprego e Asuntos Sociais. “O traballo nestas comisións permitirá defender os intereses de Galiza en Europa”, subliñou Miranda, quen hoxe tomou parte dos actos constitutivos das diferentes comisións parlamentares.
Así, a eurodeputada do BNG defenderá os sectores produtivos como a pesca e a agricultura, así como o medio ambiente, o transporte e a importancia dun financiamento axeitado para noso país. “O BNG no Parlamento Europeo desenvolverá este traballo de defensa dos intereses dos galegos e galegas sen ataduras de ningún tipo e sen intermediarios e, por suposto, sen servir a ningún lobi”, manifesta Ana Miranda.
Primeiras iniciativas da lexislatura
De feito, e tal e como anunciara en campaña, as dúas primeiras iniciativas desenvolvidas pola eurodeputada galega neste inicio de lexislatura refírense á Altri e pesca. “Non podemos permitir que un proxecto nocivo para o noso país reciba fondos europeos”, salienta en referencia á pregunta que dirixiu á Comisión Europea sobre a falta de avaliación de substancias contaminantes do proxecto da macrocelulosa que o PP quere instalar en Palas de Rei, de forma que incumpriría a normativa europea de emisións industriais.
No tocante á iniciativa sobre o sector pesqueiro, Ana Miranda remitiu unha pregunta á Comisión Europea sobre a necesidade de que exista unha responsabilidade única e específica en materia de pesca no Executivo comunitario, tal e como demanda o propio sector pesqueiro e científico. No documento emitido tamén realiza unha valoración negativa do traballo realizado polo comisario Sinkevicius no pasado mandato.