Ana Miranda impulsa a elaboración dun informe sobre a falta de participación na elaboración do plan forestal galego
A eurodeputada do BNG organizou un encontro dunha delegación galega co gabinete do Comisario de Medio Ambiente para analizar os datos contraditorios sobre a plantación de eucaliptos
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, considera imprescindible a elaboración dun informe sobre o incumprimento da normativa comunitaria no plan forestal galego, en concreto a respecto da falta de participación social nas diversas fases da súa elaboración. “É imprescindible contar cun informe detallado que analice os diferentes aspectos da vulneración da normativa comunitaria”, salientou Miranda.
Para a eurodeputada nacionalista esta é unha das principais conclusións que se extraen da reunión mantida entre unha delegación galega, encabezada por Miranda e integrada por portavoces de plataformas medioambientais e os alcaldes de As Neves, Baños de Molgas, Rianxo e Ribadeo, mantiveron un encontro co Xefe de Gabinete do Comisario de Medio Ambiente, a Directora de Coordinación Política da Dirección Xeral de Cambio Climático, así como con funcionarios das Dirección Xerais de Medio Ambiente.
Precisamente esta falta de participación cidadá foi criticado pola presidenta de Adega, Virxinia Rodríguez, e o Doutor Enxeñeiro de Montes, Xabier Bruña. Ao seu xuízo, o proceso que utilizou a Xunta de Galiza, a través do Consello Forestal, é un proceso sesgado, xa que esa información pública, con inicio o 5 de xullo e remate o 5 de outubro, “non contempla a participación de forma activa de todas as persoas interesadas”.
Aumento da superficie de eucaliptos
O obxectivo deste encontro foi explicar polo miúdo ao gabinete do Comisario de Medio Ambiente a contradición existente entre os datos dos que o executivo comunitario dispón sobre a superficie de eucaliptos en Galiza -transmitidos pola Xunta- e os datos reais. Neste sentido, o Enxeñeiro de Montes e presidente do colectivo A Rente do Chan Pladever, Jesús de la Fuente, e o biólogo Martiño Nercellas explicaron que a análise do plan forestal que agora se revisa sitúa as masas puras de eucalipto no entorno das 310.000 ha, ás que cómpre engadir sobre 150.000 de masas mixtas con eucalipto coma especie principal.
Segundo se desprenden destes datos, en Galiza existen unhas 500.000 mil ha. segundo os datos oficiais, que algúns expertos elevan ás 600.000ha, de forma que o aumento supera o 105% sobre a superficie planificada. Por outro lado, criticaron que a nova planificación forestal para Galiza regulariza e da por boas máis de 250.000 mil hectáreas de eucalipto aumentadas dende que no ano 1992 se aprobara o Plan en vixencia, e que agora inclúe a previsión de aumentar noutras 25.000 ha.
A experiencia dos Concellos
Ana Miranda salientou, por outro lado, que a participación dos alcaldes das Neves, Baños de Molgas, Ribadeo e Rianxo no encontro ten por obxectivo presentar en Bruxelas outras experiencias centradas na posta en marcha de medidas “verdadeiramente medio ambientais” e cunha loita eficaz contra os incendios. Tanto Xosé Manuel Fernández, alcalde das Neves; como Xaime Iglesias, alcalde de Baños de Molgas; Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo; e Fernando Suárez, alcalde de Ribadeo, salientaron a importancia de poder expoñer o seu traballo nos seus respectivos concellos e ser atendidos cunha “escoita activa”, en palabras de Fernández.
Impulsar medidas “desde unha mirada sensible hacia o territorio” -salientou Fernández- e “coa novidade de cumprir a lei” -segundo destacou Fernándo Suárez- son dúas das experiencias compartidas polos alcaldes nacionalistas, quen criticaron a deixación de funcións por parte da Xunta de Galiza na súa tarefa de actuar como coordinadora das actuacións municipais e de levar a cabo medidas reais de prevención. Desde Rianxo, Adolfo Muíños incidiu na relación directa entre as vagas de lumes e a excesiva superficie de eucaliptos, mentres que desde Baños de Molgas, Xaime Iglesias incidiu na pertinencia de establecer políticas transversais que freen o despoboamento do rural.