Parlamento Europeo

Ana Miranda: “Igual que o BNG acadamos o saneamento da ría do Burgo acadaremos a rexeneración do resto dos ríos e rías galegas”

Acto Culleredo

A candidata nacionalista subliñou que se en Europa se falan dos problemas de Galiza “é grazas ao Bloque”

A eurodeputada do BNG e candidata ás eleccións europeas, Ana Miranda, expresou en Culleredo o seu compromiso co saneamento integral das rías e dos ríos galegos, unha das prioridades do BNG en materia medio ambiental. “Co noso traballo no Parlamento Europeo queremos conseguir o saneamento da auga, que é urxente e vital para o noso sector pesqueiro e marisqueiro, para o medio ambiente e para a saúde”, salientou.

“Igual que grazas ao traballo sen descanso do BNG acadamos o saneamento da ría do Burgo, acadaremos a rexeneración do resto dos ríos e rías galegas”, manifestou Ana Miranda no acto en Culleredo, no que tamén participaron o portavoz municipal do BNG, Tono Chouciño, e a concelleira Beatriz Pérez. Na súa intervención lembrou que o saneamento da ría do Burgo é froito dun longo traballo conxunto desenvolvido entre a Confraría e o BNG para conseguir que se leven a cabo non só as obras da dragaxe.

“Hoxe podemos dicir que estamos máis cerca de acadar o noso obxectivo nesta ría”, sinalou a eurodeputada nacionalista, ao tempo que indicou que a dragaxe levouse a cabo máis de 10 anos despois de que unha delegación de eurodeputados da Comisión de Peticións da Eurocámara instalara a levar a cabo a retirada de lodos que permitise a rexeneración ambiental e a recuperación de postos de traballo.

Defender os intereses do pobo galego

“Este é un claro exemplo de que se nas institucións europeas se fala dos problemas de Galiza, neste caso da ría do Burgo, é grazas ao traballo sen descanso do BNG”, destacou a candidata do Bloque, quen mencionou outro temas tratados en Europa, como os problemas do sector pesqueiro e marisqueiro, o accidente do Alvia, a instalación de Altri que o PP quere acometer en Palas de Reis, as terribles consecuencias dos megaproxectos eólicos, a seguridade marítima, a memoria histórica e o antifascismo.

Ana Miranda subliñou que “co noso traballo aspiramos a mellorar a vida das persoas para atopar solucións, para reducir as desigualdades, para combater a discriminación, para facer e deixar un mundo mellor!!” Ademais, comprometeuse a seguir defendendo os intereses do Pobo galego “fronte aos lobis que buscan espoliar os nosos recursos e que os fondos europeos non se malgasten, como está facendo o PP”.