Ana Miranda: “O grupo de memoria histórica da Eurocámara reclama o fin do espolio franquista e a devolución do pazo de Meirás”
A Eurocámara acolleu hoxe, 20 novembro, a conferencia “Franquismo post Franco”, organizada polo grupo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo co obxectivo de dar a coñecer en Bruxelas a realidade da represión franquista, o espolio da ditadura vixente na actualidade e os pasos que se están dando para rematar coa impunidade. Ao longo da xornada, as integrantes do grupo amosaron o seu compromiso coa loita para rematar co espolio franquista. “Desde o Parlamento Europeo demandamos a devolución do pazo de Meirás e o resto de bens incautados”, subliñou a portavoz do BNG en Europa.
Ana Miranda denunciou que o franquismo segue “demasiado presente nas institucións, na xustiza, na economía, nos nomes de rúas, distincións e privilexios, nas foxas e no incumprimento da normativa internacional de dereitos humanos”, na que se inclúe a Resolución do Parlamento Europeo sobre o avance do neofascismo aprobada o 25 de outubro de 2018. “Debemos seguir denunciando que o Estado español non cumpre”, salientou.
“A conferencia de hoxe precisamente deunos unha ampla visión de como o franquismo continúa na sociedade despois da morte do ditador até os nosos días”, sinala a portavoz do BNG en Europa, quen salienta que a xornada celebrada hoxe en Bruxelas da unha visión ademais de como o terror foi utilizado sistematicamente como arma para conseguir o sometemento da cidadanía.
A delegación galega estivo composta por membros da Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36, como Telmo Comesaña e Antonio Monroy; a neta dunha vítima represaliada, María Lores; representantes da Comuna de presxs e represaliadxs polo franquismo, como Miguel Ángel Gómez, “Gus”, torturado por “Billy el Niño”; os investigadores Carlos Babío e Manuel Monge, así como as avogadas do grupo de Avogados Novos do Colexio de Vigo, Jana Calero e Irene Álvarez.
Ademais de participantes procedentes de Galiza tamén tomaron a palabra a representante da Asociación das 13 Rosas de Asturias, Laura Díez; a representante da Asociación Todos os Nenos Roubados son tamén meus Nenos. Igualmente interviron a representante da Comuna de presxs e represaliadxs do franquismo, Rosa García; o xornalista Juan Miguel Baquero e representante da Asociación da Recuperación da Memoria Histórica de Aragón, Mercedes Sánchez.
“Oxalá esta fose a última actividade do grupo de Memoria Histórica da Eurocámara, porque iso significaría que coñecemos a verdade e teriamos xustiza e reparación para todas as vítimas. Mais lamentablemente sabemos que teremos que seguir loitando para que os nosos obxectivos se cumpran”, conclúe Ana Miranda.