Ana Miranda: “Fago un chamamento á participación nas eleccións europeas porque mañá decídense temas fundamentais para Galiza”
A candidata do BNG pasa a xornada de reflexión en Bouzas, coa súa filla e amizades, e en Cuntis
A eurodeputada e candidata do BNG, Ana Miranda, fixo un chamamento á participación nas eleccións europeas que se celebran mañá xa que segundo salientou decídense temas moi importantes para Galiza. “É moi importante ir votar porque decídense cousas de comer, que producir, onde vivir, como comunicarnos co resto do mundo, e tamén decídese paz ou guerra”, salientou.
“Insto a que o pobo galego se mobilice masivamente e dar unha lección de democracia para decidir a quen queremos mandar a Bruxelas”, manifestou Miranda desde Bouzas, onde pasa parte da xornada de reflexión xunto a súa filla, amizades e veciñanza. A candidata nacionalista pasará a tarde en Cuntis, onde visitará o camposanto no que están enterrados os seus pais, coa súa filla e amizades.