Ana Miranda expresa a solidariedade do BNG cos afectados polo desmantelamento da Casa de Galicia de Uruguai
A coordinadora de Relacións Internacionais do BNG, Ana Miranda, visitou as instalacións da Casa de Galicia de Uruguai, onde mantivo diversos encontros cos colectivos de afectados polo desmantelamento do patrimonio sociosanitario de Montevideo. “Hai miles de persoas afectadas, tanto usuarios como persoal, ás que desde o Bloque queremos amosarlles a nosa solidariedade e denunciar a falta de transparencia coa que se está levando o proceso de fragmentación da institución cun claro desinterese por parte de Feijóo ao respecto pese a ser un patrimonio levantado por emigrantes galegos hai máis dun século”, denuncia Miranda.
“Na concentración diante do hospital da Casa de Galicia puiden comprobar a indignación das persoas afectadas, -galegos e galegas e descendentes-, que participaron na protesta moi emocionados, como levan facendo desde hai semanas contra o desmantelamento destas instalacións”, explica Ana Miranda, quen considera “un atropelo e unha estafa” o proceso, xa que os socios non foron consultados na toma de decisións e simplemente recibiron un sms en decembro informándoos da intervención xudicial, pola que un xuíz ordenaba a disolución da entidade.
Críticas a Feijóo
Segundo destaca Miranda, “para dar solución á situación que atravesa a Casa de Galicia de Montevideo é fundamental que o goberno galego exerza o papel de mediador para salvagardar o patrimonio desta histórica institución”. Neste sentido, a coordinadora de Relacións Internacionais do Bloque recolleu as queixas contra Feijóo das persoas afectadas, quen criticaron a “total ausencia” do presidente da Xunta ao longo do conflito e que “só viaxa a Uruguai en período electoral”, ademais da súa total conivencia co presidente uruguaio no desmantelamento.
“Lamentamos que Feijóo non se preocupa por este tema”, foi unha das frases escoitadas na concentración celebrada en Montevideo polos centos de persoas asistentes, quen lembraban que a Casa de Galicia de Uruguai foi levantada en 1917 cos aforros e o esforzo dos emigrantes galegos, converténdose posteriormente nun lugar emblemático, xa que foi a sede do Consello de Galicia, é dicir, o goberno galego no exilio. Ao longo de máis dun século de funcionamento esta institución converteuse nun dos centros hospitalarios máis importantes do país e cun gran patrimonio social e cultural, patrimonio polo que os socios e socias mostran gran preocupación, entre o que destaca a escultura de Francisco Asorey denominada “A Santiña”.
Ana Miranda subliña que a situación na que se atopa a Casa de Galicia de Montevideo presenta diversas vertentes: a sanitaria, -que implica a distribución de arredor de 45.000 usuarios e usuarias en varias aseguradoras-; a laboral, que afecta a un cadro de persoal integrado por máis de 3.000 traballadores e traballadoras-; e a social e cultural, en tanto que da institución forman parte, entre outras dependencias, a sede social nunha das principais arterias de Montevideo; o Instituto de Secundaria Manuel Curros Enríquez e a biblioteca Alfonso R. Castelao, así como un gran patrimonio pictórico e escultórico. “Desde o BNG denunciamos a estafa que se está producindo sobre o patrimonio dos galegos en Uruguai e a ausencia do goberno galego no seguimento desta grave situación”, salienta.