Ana Miranda: “A estratexia forestal debe basearse no uso de biomasas autóctonas e non en eucaliptos”

Ana Miranda
A eurodeputada nacionalista critica a falta de planificación do goberno galego na loita contra os incendios, que este ano afectaron a máis de 43.000 hectáreas

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, defendeu na sesión plenaria que se está celebrando en Estrasburgo que a estratexia forestal europea, e nomeadamente en Galiza, debe dar unha total prioridade ao uso de biomasas autóctonas, como os carballos, os bidueiros, os castiñeiros e as faias. Segundo salientou non se poden fomentar as grandes extensións de biomasa con carga de combustíbel como son os eucaliptos, “con risco de transmisibilidade dos incendios”.

Neste sentido explicou que neste 2022, o peor ano en lumes desde 2006, na Galiza arderon máis de 43.000 hectáreas e no verán case 2.000 galegos tiveron que abandonar as súas casas, con especial gravidade en espazos naturais protexidos como a reserva da Biosfera do Courel, Valdeorras ou a Serra do Barbanza. Precisamente os incendios do Courel e Valdeorras foron os maiores en Galiza dende que existen datos comparativos, con máis de 10.000 ha. queimadas en cada un deles.

Galiza ardeu sen medios preventivos, sen materiais e con falla de planificación do goberno galego

“Galiza ardeu sen medios preventivos, sen materiais e con falla de planificación do goberno galego”, denunciou a eurodeputada do Bloque na súa intervención no debate de urxencia sobre os incendios en Europa, quen ademais rexeitou o informe presentado na sesión plenaria “porque non ten en conta as características do monte galego, como o minifundio nin os montes veciñais en mancomún. “Non avalaremos unha estratexia do PP que vai contra o monte galego”, considerou.

34% da superficie queimada no noroeste

A gravidade da situación que soportou o monte galego neste 2022 reflíctese tamén ao comparar datos, xa que en Galiza arderon arredor do 17 % das hectáreas queimadas na totalidade do Estado español e o 34,4 % da superficie ardida no noroeste ibérico (Galiza - Asturias - León - Zamora - Cantabria). Para evitar estes incendios devastadores, o BNG considera indispensable planificar axeitadamente os usos do monte, tendo en conta a ameaza que supoñen os lumes tanto para os espazos naturais como para a poboación. “Toda a solidariedade para as brigadas dos incendios e para as persoas afectadas”, concluíu Miranda.