Ana Miranda entrega a Teresa Ribera un informe sobre Altri e solicítalle que reciba aos colectivos que se opoñen a súa instalación
A eurodeputada do BNG defende que a futura vicepresidenta coñeza todos os argumentos en contra do proxecto
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, fixo entrega á candidata a vicepresidenta executiva da Comisión Europea para unha Transición limpa, xusta e competitiva, Teresa Ribera, un informe sobre Altri e unha carta na que solicita unha reunión cos colectivos que se opoñen á instalación da macrocelulosa que o PP impulsa en Palas de Rei e que opta a fondos europeos de descarbonización.
“É imprescindible que, se é elixida, a futura vicepresidenta teña todos os datos sobre este proxecto que opta aos fondos Next Generation e escoite todas as voces e todos os argumentos en contra da súa instalación, tan nocivos e prexudiciais para a zona co obxectivo de impedir que se constrúa un proxecto que incumpre a normativa comunitaria e conta con oposición social en Galiza”, subliña a eurodeputada galega.
Ana Miranda sinala que se ben inicialmente se contemplaba a instalación dunha fábrica téxtil, finalmente se trata dunha macrocelulosa a instalar nunha zona agrogandeira rica en biodiversidade con especies endémicas e ademais Patrimonio da Humanidade da UNESCO, polo que salienta que este proxecto non pode acceder aos fondos europeos ao tratarse dun proxecto altamente contaminante. “Non queremos un novo Prestige na terra”, destacou.
Ofensiva do Bloque
O futuro encontro con Teresa Ribera enmarcaríase na ofensiva que o Bloque está a desenvolver en todos os ámbitos, tanto sociais como institucionais. Así, de forma destacada no Parlamento Europeo, Ana Miranda convidou a Bruxelas, no pasado mes de abril, unha delegación de colectivos opositores á instalación de Altri. Esta delegación reuniuse coa Directora do Grupo Operativo do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, María Teresa Fábregas, e o Xefe da Unidade de Cumprimento da Normativa Medioambiental, Paul Speight, encontro no que confirmaron que non hai ningunha solicitude oficial por parte do Estado para este proxecto.
Ademais, a eurodeputada galega xa presentou diversas preguntas parlamentares dirixidas á Comisión Europea e impulsou a presentación dunha denuncia na Comisión de Peticións da Eurocámara co obxectivo de que as voces opositoras a este proxecto sigan sendo escoitadas nas institucións europeas, feito que conta coa oposición dos populares, como xa demostraron nas súas manobras para que non puideran comparecer na sesión do pasado 3 de outubro.
“Pese a estas manobras impresentables, nas que o PP é especialista, como eurodeputada galega seguirei traballando para dar voz á cidadanía galega, que non se merece uns representantes máis preocupados en darlle beneficios a unha gran empresa que en defender os nosos sectores produtivos e o noso patrimonio”, subliña ao respecto.