Ana Miranda: “O encontro entre Ana Pontón e Elisa Loncon amosa que outro futuro é posible para os pobos”
No marco do ciclo Diálogos na Periferia, a Fundación Galiza Sempre celebra este sábado 22 de xaneiro o encontro “A plurinacionalidade chilena en construción”, no que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a presidenta da Comisión Constitucional de Chile, Elisa Loncon, xunto a coordinadora de Relacións Internacionais do BNG e vicepresidenta da Fundación, Ana Miranda, abordarán diversos asuntos de actualidade. O dereito de libre autodeterminación, a defensa das linguas propias, a loita pola igualdade e plurinacionalidade serán algúns dos temas que comentarán estas tres representantes políticas no acto organizado pola Fundación Galiza Sempre, que terá lugar no Museo do Pobo Galego, ás 12 horas.
Segundo salienta Ana Miranda, este encontro realizase nun momento crucial para Chile tras a vitoria electoral do presidente Gabriel Boric fronte aos ultraconservadores e que marca a importancia do proceso que leva a cabo a Convención Constitucional para superar a constitución pinochetista. “A vocación internacionalista do nacionalismo galego amósase unha vez mais neste encontro entre dúas mulleres loitadoras e comprometidas cos dereitos dos seus pobos que amosa que outro futuro, outros valores e outra forma de facer política é posible”, subliña.
Elisa Loncon é unha política e académica mapuche, lingüista e activista na defensa dos pobos indíxenas. Na súa traxectoria destaca a presidencia da Convención Constitucional de Chile, de xullo de 2021 a xaneiro de 2022, e ser a autora da Lei Xeral de Dereitos Lingüísticos dos Pobos Orixinarios. Pola súa labor como presidenta da Convención Constitucional, en setembro de 2021 a revista Time considerouna como unha das 100 persoas máis influentes do año. Asemade, en decembro, foi incluída entre as 25 mulleres máis influentes do ano polo Financial Times e no listado de 100 mulleres destacadas de 2021 da BBC.