Ana Miranda, elixida vicepresidenta da Comisión de Peticións da Eurocámara
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, vén de ser elixida vicepresidenta primeira da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo -en substitución da eurodeputada Margrette Auken-, mes e medio despois de que o Bloque asumira de novo o escano na Eurocámara. No primeiro punto da sesión celebrada hoxe, Miranda foi elixida por aclamación dos membros da Comisión, é dicir, sen necesidade de votación, de forma que a nacionalista ocupa con este nomeamento un dos cargos mais altos dos representantes galegos no Parlamento Europeo.
“Con esta nova responsabilidade o Bloque vése máis recoñecido na Eurocámara, con maior poder e capacidade política para dar máis visibilidade a Galiza e os seus problemas”, subliña Ana Miranda, quen na súa intervención salientou que xa formara parte da comisión noutras ocasións e como exemplo do seu traballo fixo referencia a algúns dos temas tratados, como o informe da contaminación das rías galegas, o accidente do Alvia e as reclamacións das enfermeiras en loita. Igualmente, a eurodeputada nacionalista tamén impulsou no seo desta comisión o debate sobre o Servizo de Axuda no Fogar, o tratamento de residuos, a megaminería contaminante, a instalación dos megaparques eólicos, a prohibición das fundacións franquistas, a liberdade de expresión e os dereitos laborais.
Intervir directamente
“Sempre colaborei cos demais grupos de maneira leal na que creo que é a mellor comisión do Parlamento Europeo”, subliñou Miranda, quen considera que nesta comisión é na que as persoas, os colectivos e os Pobos “poden intervir directamente” para falar dos temas denunciados. Neste sentido, a eurodeputada verde danesa Margrette Auken, quen propuxo a Miranda para substituíla en nome do grupo parlamentar ao que pertence o BNG, asegurou que non lle cabía ningunha dúbida de que a súa colega vai facer “perfectamente o seu labor coma sempre traballou".
Na Comisión de Peticións da Eurocámara hai numerosos temas galegos coma hoxe mesmo, cando comparecerán familiares do barco Villa de Pitanxo, afundido en Terranova o pasado mes de febreiro.