Galegas 2020

Ana Miranda: “Se despois do 12X Ana Pontón é presidenta, defenderá a pesca galega aquí, en Madrid e en Bruxelas”

Fisterra
A portavoz do BNG en Europa reuniuse con representantes dos sectores pesqueiro e hostaleiro de Fisterra e Muros

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, realizou un amplo percorrido polos concellos de Fisterra e Muros, nos que mantivo diversos encontros con representantes do sector do mar e nos que salientou a importancia de que nas diversas negociacións as peculiaridades de Galiza como zona altamente dependente do mar teñan un peso específico, xa que aínda non está recoñecido. “Temos un sector pesqueiro moi diverso e só cando o BNG está presente hai unha aposta clara por defender os intereses galegos”, salientou Miranda en referencia á defensa da pesca de baixura, o marisqueo e o colectivo das redeiras nos Parlamentos galego, estatal e europeo.

Ana Miranda denunciou que pese a que Galiza é recoñecida como territorio altamente dependente da pesca, “a súa potencialidade non está plenamente desenvolvida posto que o goberno do PP non fixo defensa de Galiza como nación pesqueira”. Pola contra, subliñou que “se despois do 12 de xullo Ana Pontón é presidenta estou de segura que vai ir onde faga falla para defender con firmeza a pesca, sexa en Galiza, en Madrid ou Bruxelas”. Neste sentido lembrou que grazas ao BNG se evitou a prohibición do xeito pola Comisión Europea, así como as demandas que fixo o BNG tanto no Parlamento galego como no Congreso na defensa do sector.

Seguridade no mergullo

Na primeira parte da xornada, a portavoz do BNG en Europa, xunto ao tenente de alcalde de Fisterra, Kuka Sar, mantivo un encontro coa agrupación de mergulladores do sector do marisqueo. No encontro, Miranda explicou que o BNG vén de rexistrar unha Proposición non de Lei no Congreso a través do deputado Néstor Rego para reformar o Real Decreto que determina as condicións de seguridade das actividades de mergullo co obxectivo de introducir unha excepción na prohibición da apnea para o marisqueo extractivo de moluscos bivalvos como o longueirón e a navalla.

“A Xunta ten que exercer as súas competencias, xa que é a encargada de planificar a extracción dos recursos”, subliñou Ana Miranda, ao tempo que defendeu que o Estado inicie os trámites necesarios para transferir as competencias da regulación das condicións de seguridade das actividades de mergullo e que revise os coeficientes redutores de xubilación. “É fundamental escoitar as demandas do sector, e esta é unha das principais”, salientou ao respecto.

En Fisterra, asemade, mantivo unha reunión co sector hostaleiro, que na actualidade sofre o abusivo cobro das taxas das terrazas por parte do Porto, malia ter que pechar durante meses por culpa da pandemia do coronavirus. “Tendes todo apoio do BNG nas vosas reclamacións”, destacaron os nacionalistas, quen constataron o cobro de 10.000€ anuais por unha terraza no Porto de Fisterra, “que está catalogado como Porto de clase A pese a carecer dos servizos correspondentes a esta categoría”.

Defensa dos postos de traballo

Xa en Muros, Ana Miranda comezou a visita na praia de Bornalle, xunto aos candidatos comarcais ás eleccións galegas Anxo Núñez e Patricia Torreira; as concelleiras nacionalistas na localidade María Lago e Paula Simal; o representante de Plademar. Pablo Silva; e a presidenta do colectivo de mariscadoras, Adela Lestón, entre outras representantes sociais da vila. Esta praia de Bornalle trátase dun areal produtivo e sen saneamento, que grazas ao traballo coordinado do BNG de Muros e no Parlamento galego conseguiuse que a Xunta fixera un informe desfavorable á ampliación ilegal das instalacións dunha fábrica, xa poñía en risco o marisqueo na zona.

Segundo salientou Ana Miranda, “estamos diante dun exemplo claro de que o BNG é imprescindible na defensa dos intereses dos sectores produtivos e da defensa do medio ambiente”, salientou Miranda, quen afirmou o seu compromiso de seguir reivindicando a mellora das condicións laborais das mulleres do sector do mar e o seu acceso directo aos fondos europeos marítimo pesqueiros.

“A pesca é un sector fundamental no desenvolvemento económico da comarca e debemos prestarlle todo o noso apoio para combinar sustentabilidade e futuro na nosa terra, para que a xente moza poida vivir aquí”, afirmou posteriormente a portavoz do Bloque en Europa no encontro que mantivo con representantes do sector pesqueiro de baixura. Este sector ten un peso específico na economía da zona, xa que supón arredor de 150 postos de traballo directos. “O saneamento, neste caso da ría de Muros, é unha das prioridades do BNG, xa que repercute directamente na calidade das augas, tanto desde o punto de vista medioambiental como produtivo”, afirmou.