Ana Miranda denuncia que o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia non contribúe á loita contra a pobreza
A eurodeputada do BNG envía unha pregunta á Comisión na que alerta que as persoas en risco de exclusión social en Galiza aumentaron o 2,4% desde 2015
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, trasladou unha pregunta á Comisión Europea sobre a baixa contribución do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) para loitar contra a pobreza en xeral e a enerxética en particular, xa que en Galiza unha de cada catro persoas atópase en situación de risco de pobreza ou exclusión social, o que supón arredor de 2,4% máis que en 2015.
“Sabemos que en Galiza, o número de persoas con privación material social e severa, pero que non están nunha situación de pobreza é do 55,2% e estas cifras son dramáticas e inaceptables”, salienta Ana Miranda, quen apunta que persoas pensionistas, nais solteiras, estudantes ou familias con empregos precarios ou sen emprego estable son as que teñen grandes dificultades para pagar un alugueiro ou unha hipoteca.
Neste sentido, No Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, a eurodeputada galega sinala que o feito de que Vigo e A Coruña concentren a metade das demandas de vivenda protexida “é un dato moi significativo da situación social que estamos vivindo no noso país”, -con 5.800 e 3.000 solicitudes respectivamente-.
Ademais, no documento remitido á Comisión Europea, Miranda sinala que en Europa hai un total de 94,6 millóns de persoas pobres, e familias que dedican o 40% do seu salario para pagar a súa vivenda e neste sentido lembra que o Tribunal de Contas Europeo publicou en setembro un informe no que resalta a baixa contribución do MRR á transición ecolóxica e no que se recomenda mellorar o deseño, a execución e o gasto relacionado coa axenda climática.
Ter en conta Galiza
“É necesario que a Comisión tome medidas para que o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia garanta os obxectivos da transición ecolóxica en materia de loita contra a pobreza enerxética”, conclúe Miranda, xa que ao seu xuízo “estamos diante dunha emerxencia social”. Segundo salienta a eurodeputada do Bloque, “non é de recibo que o Estado español estea recibindo miles de fondos no Mecanismo de Recuperación e Resiliencia e que non cheguen ás persoas máis vulnerables. Polo tanto pedimos un cambio neses criterios de adxudicación e que se teña en conta Galiza”.