Ana Miranda denuncia que a dragaxe da Ría do Burgo incumpre os criterios de rexeneración biolóxica
A eurodeputada do BNG reclama que o sector marisqueiro poida acollerse a axudas transitorias mentres non se inicia a actividade extractiva
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, mantivo un encontro coa Confraría de Pescadores da Coruña, na que se integra a agrupación de mariscadoras e mariscadores, para avaliar a evolución da dragaxe da Ría do Burgo e como estas obras de saneamento afectan aos bancos marisqueiros. “A dragaxe da Ría do Burgo incumpre os criterios de rexeneración biolóxica ao sementar só dúas especies das catro que corresponden a este espazo, como son a ameixa babosa, a ameixa xapónica, a ameixa fina e berberecho”, salienta Miranda.
Neste sentido, a eurodeputada nacionalista denuncia que esta forma de executar o saneamento da Ría do Burgo por unha banda incumpre a normativa europea medioambiental e por outra non atende as peticións do sector, que non está sendo tido en conta para levar a cabo a rexeneración deste espazo, como a propia Confraría denuncia. “Instamos a que se fale coa confraría neste momento tan importante para o futuro do sector extractivo”, sinala Ana Miranda, quen anuncia que solicitará unha visita ao espazo para avaliar os traballos que se están levando a cabo.
Por outro lado, a eurodeputada do Bloque e vicepresidenta da Comisión de Peticións da Eurocámara alerta de que se pretenda facer a semente das especies na época que non é a máis axeitada. “Queremos saber se existe o risco de perder os fondos europeos se se agarda á mellor época para realizar a semente”, di Ana Miranda ao respecto, quen ademais considera indispensable que os mariscadores e mariscadoras conten con axudas mentres non se pode desenvolver a actividade extractiva, xa que é preciso contar o tempo de crecemento das sementes.
Denuncia en Bruxelas
A Confraría da Coruña presentou unha denuncia na Comisión de Peticións xa no ano 2013, despois de que unha misión de investigación integrada por eurodeputadas e eurodeputados visitara á Ría do Burgo para coñecer de primeira man o grao de contaminación existente e a cantidade de lodos acumulados durante anos, visita que se repetiu en marzo de 2019. “A denuncia non estará pechada até que a Ría do Burgo estea saneada”, comprométese a eurodeputada nacionalista.
A contaminación da Ría do Burgo provocou que nos últimos anos se reducira considerablemente o número de mariscadores e mariscadores, desde os 2.600 que había hai anos até os menos de 100 que había antes de iniciar a dragaxe.