Ana Miranda denuncia a irrelevancia política do goberno estatal na defensa da pesca artesanal galega
A candidata do BNG ao Parlamento Europeo comprométese a loitar desde a Eurocámara para rematar coa discriminación das mariscadoras
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, tras a reunión celebrada onte entre o ministro Luis Planas co comisario de Pesca, Karmenu Vella, critica a “irrelevancia política” do goberno estatal na defensa da pesca artesanal galega. “Despois da negativa da Comisión Europea a defender a pesca artesanal, está claro que o sector necesita unha voz máis forte en Europa que defenda o sector con contundencia”, salientou.
Para a eurodeputada nacionalista, a definición da pesca artesanal galega debe ter en conta as características específicas do sector galego e aspectos clave como son as artes de pesca e o seu impacto no ecosistema mariño, a venda de peixe fresco, o tempo de permanencia no mar, a distancia da costa e o número de tripulantes das embarcacións, así como o impacto económico do sector nas poboacións costeiras. “Galiza precisa unha voz forte en Europa que defenda a pesca galega”, asegurou.
Porén, Miranda lamenta que ningún dos sucesivos gobernos estatais nin a propia Xunta de Galiza souberon defender o sector pesqueiro galego. Neste sentido considera que “non souberon negociar ben en Bruxelas”. Lembra, ao respecto que xa na sesión plenaria de abril, abstívose na votación do informe do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, por non incluír a definición proposta polo Bloque de definición da pesca artesanal e contemple o abanico de criterios expresados en Bruxelas por representantes do sector.
Encontro con mariscadoras
Durante o encontro co colectivo de mariscadoras de Carril, no que tamén participou a deputada no Parlamento galego, Montse Prado, e a candidata á Alcalcía, Lucía César Veloso, a eurodeputada do Bloque expresou o seu compromiso de defender os dereitos das mariscadoras para evitar a súa discriminación, tanto respecto ao salario que perciben como respecto a cuestión de saúde.
“Solicitaremos un tratamento específico para o sector do marisqueo a pé”, manifestou Ana Miranda, quen afirmou que seguirá insistindo na mellora da situación das mulleres nos novos programas pesqueiros que se poñan en marcha. Neste sentido t-anto Miranda como Prado coincidiron en destacar que é necesario “rematar coa concepción de que o traballo das mulleres marisqueiras é un complemento á economía familiar”.
Pola súa banda, Veloso afirmou que o sector marisqueiro “é fundamental para o desenvolvemento económico, social e cultural do noso concello, e dende o BNG teceremos as redes que fagan falla para poñelo no lugar que se merece”.