Ana Miranda denuncia que o goberno central aínda non pediu os fondos europeos para o saneamento da Ría do Burgo
Para a portavoz nacionalista “por fin hai unha posibilidade real de ter a ría do Burgo completamente saneada e non se pode desaproveitar”. Considera que despois de que Bruxelas dera o visto bo ao cambio de criterios dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (Feder) para levar a cabo o dragado da ría “xa non hai escusas”.
Ana Miranda critica que ao longo dos anos, os sucesivos gobernos do PP e do PSOE non tiveron vontade política para poñer fin a unha situación tremendamente prexudicial para os sectores produtivos de pesca e marisqueo da zona. Pola contra, lembra que “foi o BNG quen sempre estivo dando voz aos colectivos afectados”, ben levándoos ao Parlamento Europeo ou ben xestionando a visita de dúas delegacións de eurodeputados e eurodeputadas para comprobar o estado da ría.
Novas iniciativas
A portavoz do BNG en Europa avanza que seguirá mantendo unha “presión firme e constante” no obxectivo de que este proxecto tan longamente demandado saia adiante. Así, destaca que o feito de que o grupo Verdes-ALE (do que forma parte o BNG na Eurocámara) teña a vicepresidencia da Comisión de Peticións permitirá seguir facendo esa presión para que o Estado pida os fondos antes de novembro, xa que o prazo de execución da obra é de dous anos.
Ademais, indica Ana Miranda, o Estado ten que comprometerse a cofinanciar o saneamento, xa que os fondos que pode transferir a Comisión Europea son o 85% do total. “Desde o BNG pensamos que con vontade política non debería haber problema para que en dous anos a rexeneración da ría estea completada”, conclúe.