Ana Miranda denuncia que os Franco aparezan nos procesos electorais cunha nova citación a Carlos Babío
O investigador e candidato do BNG recibiu unha notificación para un acto de conciliación cos herdeiros do ditador
A eurodeputada do BNG e candidata ás eleccións europeas, Ana Miranda, denuncia que a familia Franco entre en escena no fin da campaña dos procesos electorais en curso cunha nova citación a un acto de conciliación co investigador e tamén candidato Carlos Babío. “É indignante que os herdeiros do ditador pretendan amedrentarnos no último día de campaña por denunciar os roubos e saqueos documentados cometidos por Franco”, manifestou.
A data da nova citación é o vindeiro 19 de xuño e se produce tras a suspensión da conciliación prevista para o 25 de marzo consecuencia da demanda interposta por seis dos sete netos do ditador. “Non acudín a esa citación porque non teño nada que conciliar cos Franco e pase o que pase seguiremos loitando contra o franquismo”, subliñou Carlos Babío ao respecto.
“Resulta inadmisible que teñamos a sombra dos Francos en dous procesos electorais, por iso hai que respostar nas urnas votando ao BNG ás europeas como candidatura antifascista”, criticou a eurodeputada nacionalista, quen lembra que Carlos Babío forma parte da candidatura do BNG de Sada, pero tamén da lista ás eleccións europeas. “Non deixaremos de denunciar o espolio que cometeu Franco, lles guste aos herdeiros ou non, tanto nas rúas como nas institucións”, asegurou, ao tempo que salienta que existe unha ferramenta para rematar coa anomalía democrática que supón que a familia do ditador disfrute dunha propiedade ilegalmente, roubada por Franco amparándose no poder que tiña durante os anos da guerra.
Segundo salientou Miranda, esta ferramenta é a Resolución en contra do avance do neofascismo, aprobada na Eurocámara o pasado 25 de outubro, neofascismo que no Estado español se materializa no “actual franquismo sen Franco”. Esa Resolución insta, no seu artigo 20, a que os Estados Membros prohiban as asociacións e organización que fan apoloxía do fascismo e do nazismo.
O espolio de Meirás
Ademais, Miranda lembra que Carlos Babío participou, no pasado mes de abril, nunha xornada sobre memoria histórica no Parlamento Europeo para explicar o espolio cometido por Franco no pazo de Meirás, tal e como relata na súa obra “Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio”. Precisamente Babío é neta dunha sadense que foi expulsada da súa casa co fin de incorporala ao recinto do pazo.
Nesa xornada, o grupo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo, do que forma parte a eurodeputada do BNG, comprometeuse hoxe a seguir traballando pola devolución do pazo de Meirás. Igualmente tanto o grupo de traballo como as eurodeputadas Soraya Post e Eleonora Forenz -impulsoras xunto Ana Miranda da Resolución contra o Avance do Fascismo en Europa- expresaron o seu apoio aos 19 de Meirás, representado nesa xornada por Néstor Rego, aos que a familia Franco pide 247 anos de cárcere por ocupar simbolicamente o pazo de Meirás o 30 de agosto de 2017 para reclamar a súa devolución.