Parlamento Europeo

Ana Miranda denuncia en Europa que 60 parques eólicos foron paralizados polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza

Ana Miranda

A eurodeputada do BNG critica a falta de planificación e defende que estes proxectos non deben recibir fondos europeos

 

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, vén de presentar unha pregunta á Comisión Europea sobre a situación que se está producindo en Galiza a respecto dos macroproxectos eólicos promovidos polo goberno galego, na que informa á CE que o Tribunal Superior de Xustiza xa paralizou 60 parques eólicos.

“Un dos argumentos máis empregados para acordar esta paralización é que a execución destes proxectos podería provocar danos irreversibles a valores ambientais sensibles e unha grave afectación á Rede Natura”, explica Ana Miranda, quen tamén apunta que nas súas resolucións o Tribunal sinala que está acreditado que as instalacións poderían afectar a especies vulnerables ou en perigo de extinción.

Neste sentido, a eurodeputada galega pregunta á Comisión se é consciente da colisión entre os obxectivos do Pacto Verde e a transición enerxética e a súa execución concreta en Galiza, incluso coa vulneración de diversas directivas europeas. “Preguntámoslle á Comisión Europea se estes proxectos son receptores de fondos europeos, porque non imos permitir dende o BNG que se usen os fondos europeos para espoliar o noso territorio”, explica.

“Lobby eléctrico”

Segundo subliña Ana Miranda “no BNG temos claro que hai unha total falta de responsabilidade á hora de planificar os parques eólicos, unha total falta de planificación”. Ademais, critica a irresponsabilidade do goberno galego, xa que ao seu xuízo “non pode ser que estea máis preto do “lobby eléctrico” que da defensa da nosa terra”. Ao respecto pon como exemplo que o Tribunal Supremo acaba de rexeitar o recurso que presentou a Xunta sobre o parque eólico previsto entre Zas e Santa Comba.

“Desde o BNG no Parlamento Europeo seguiremos denunciando o espolio do noso país e seguiremos defendendo unha transición verdadeiramente xusta, que protexa o noso país e os nosos sectores produtivos”, destaca. “Eólica si, pero non así”, conclúe.