Ana Miranda denuncia que o acordo de pesca da UE con Marrocos viola o dereito internacional comunitario
A eurodeputada do BNG critica que o texto aprobado hoxe “lamentablemente” lexitima a ocupación do Sáhara occidental
A eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, critica o acordo de pesca da Unión Europea aprobado hoxe na Eurocámara xa que ao seu xuízo viola o dereito internacional humanitario. Asemade considera que “lamentablemente” lexitima a ocupación ilegal do Sáhara Occidental co obxectivo de comprar o acceso aos caladoiros deste territorio.
“Para colmo, este acordo fíxose sen o consentimento do pobo saharauí xa que foi excluído o Fronte Polisario, en contradición directa coa sentencia do Tribunal de Xustiza Europeo”, salienta Ana Miranda, quen denuncia asemade o dobre criterio utilizado por partidos como o PP, PSOE e Cs a hora de pedir respecto ao dereito europeo e internacional. “Cando se trata de comercio internacional e de relacións con Marrocos, esas regras deixan de aplicalas”, sinala.
Por outro lado, para o BNG cómpre denunciar que este acordo converte aos consumidores europeos en reféns e cómplices da ocupación, en tanto que a Comisión Europea xa recoñeceu que non vai poder diferenciar produtos marroquís dos saharauís e que no etiquetado de ambos aparecerá como lugar de procedencia “Marrocos”.
O acordo entre a Unión Europea e Marrocos ten por obxectivo garantir o acceso das frotas pesqueiras da UE aos caladoiros fronte a Marrocos e o Sáhara Occidental (o 90% fronte ás costas do Sáhara Occidental). A cambio, a Comisión Europea ofrece ao goberno marroquí 160 millóns de euros nun período de catro anos.
Resolución do TXUE
Xa en febreiro de 2018, o Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas declarou que o anterior acordo de pesca non era aplicable ao Sáhara Occidental en virtude do dereito internacional. “Temos que enunciar tamén que a Eurocámara rexeitou a petición para pedir ao Tribunal de Xustiza da UE que avalíe a súa compatibilidade co Tratado da UE”, explica Miranda.
“Queremos acordos legais e que respecten ao pobo saharauí”, destaca Ana Miranda, quen indica que na súa resolución do pasado ano, o Tribunal de Xustiza da Unión Europea recoñecía que o único e lexítimo propietario dos recursos do Sáhara Occidental é o pobo saharauí.