Ana Miranda: “A demora da CE na toma de decisións ante a crise enerxética provoca un grave empobrecemento das familias e sectores produtivos”
O BNG denuncia a falta de fiabilidade da Comisión Europea, “que un día afirma unha cousa e ao día seguinte a contraria”.
A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, acusa a Comisión Europea dun inxustificado retraso na toma de decisións diante da grave crise enerxética e suba da inflación na que está inmersa Europa desde hai meses. “Intervir é unha urxencia e pon de manifesto que estaban errados ao non querer facelo”, sinala Miranda, quen considera que a falla de intervención no mercado, como pediu desde o primeiro momento o BNG, ten provocado o empobrecemento das persoas traballadoras, as familias, o tecido produtivo e os Pobos.
A situación provocada pola subida de prezos é tan grave que a Comisión Europea “dáse conta de que ten que rectificar e cambiar o rumbo da fixación de prezos do mercado eléctrico”, sinala a portavoz do Bloque en Europa, quen por outro lado denuncia que a visión neoliberal que mantivo a Comisión Europea até onte pon de manifesto que a escalada belicista “é un erro” e que a cerrazón que tivo a Comisión Europea só afondaba na crise.
“A Comisión Europea non é fiable, porque un día di unha cousa e outro día a contraria”, critica a política nacionalista, quen ademais denuncia a súa falta de sensibilidade cara ás clases populares, sen ter en conta o que están sufrindo co aumento da inflación e a escalada de prezos, -incluída a suba da electricidade, que tanto afecta ao sector agrogandeiro, pesqueiro e industrial e ás pequena e medianas empresas.
Campaña desenvolvida en marzo
“Tal e como defendemos no BNG, a intervención pública do sector eléctrico é indispensable para baixar os prezos”, indica Ana Miranda, quen lembra que o Bloque xa desenvolveu no pasado mes de marzo a campaña “Os prezos soben, os teus cartos baixan” coa presentación de medidas urxentes para paliar a suba descontrolada dos prezos e o empobrecemento das clases populares e que ademais incidiu na creación dunha tarifa eléctrica galega como medida concreta para atallar este problema en Galiza.
Segundo manifesta a portavoz do BNG en Europa “é lamentable que até agora a Comisión Europea só estivese preocupada por beneficiar ás empresas eléctricas, sen ten a máis mínima consideración coa grave situación económica que atravesan moitas familias e os sectores produtivos”. En concreto no último ano, as tres grandes eléctricas do Estado tiveron uns beneficios de 6.500 millóns de euros, incrementándoos, en relación co ano anterior, un 10%, “que pon de manifesto a escandalosa situación avalada polo executivo comunitario”, conclúe.