Ana Miranda defende na Eurocámara utilizar os fondos europeos para garantir o dereito a vivenda
No debate da Eurocámara sobre “Garantía dunha vivenda sostible, decente e accesible en Europa: impulso dos investimentos, a propiedade privada e os programas de vivenda pública”, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, defendeu que “a vivenda é un dereito, non unha mercadoría”, e para garantilo deben utilizarse os fondos europeos. “O BNG ten un discurso claro demandando que se poida investir máis en vivenda pública e tamén cos fondos europeos”, recalcou.
Na súa intervención, a eurodeputada do Bloque mencionou a folga seguida polo 80% dos estudantes galegos o pasado 2 de outubro para reclamar unha vivenda digna e denunciar os problemas de acceso á vivenda. Neste sentido Miranda sinalou que desde 2020, o prezo da vivenda disparouse, xa que en 2024 alugar unha casa custa un 23,5% máis que hai catro anos. Esta circunstancia explica que case máis de 260.000 persoas entre 18 e 34 anos viven cos seus pais, o cal representa o 64,3% da poboación nesa faixa de idade. Ademais, segundo datos do IGE, nos últimos 10 anos os prezos de alugueiro en Galiza aumentaron un 44%.
“Resolver o problema da vivenda esixe medidas que articulen políticas valentes e que se concentren nos grandes propietarios, aqueles con carteiras de decenas e centenas de propiedades espalladas por Europa”, manifestou Ana Miranda na súa intervención, xa que ao seu xuízo a vivenda non pode ser obxecto de especulación nin de fondos voitre.
Revisión da lexislación europea
Ao respecto defendeu a revisión da lexislación europea para incluír a vivenda e a vivenda social como bens de interese xeral e subliñou a necesidade de afondar en alternativas habitacionais que garantan o dereito á vivenda para as persoas mais desfavorecidas. “Así o defenderei sempre como eurodeputada do BNG, xa que a vivenda é a principal preocupación das galegas e os galegos”, salientou.
Por outro lado, a eurodeputada galega destacou que é necesario realizar un “estudo rigoroso do número de arrendamentos turísticos nas nosas vilas”, para coñecer quen son os propietarios e onde pagan os impostos. “Temos que evitar barrios ocupados por arrendamentos temporais”, salientou, ao tempo que lembrou que na Galiza existen actualmente máis de 24.000 vivendas de uso turístico fronte ás 500 que había en 2017.