Ana Miranda defende en Bruxelas respecto pola lingua galega fronte a política de destrución de Feijóo
No marco da Conferencia sobre o Futuro de Europa que se está desenvolvendo en Bruxelas, Ana Miranda participou hoxe na mesa redonda organizada pola Fundación europea Coppieters e a Fundación Iratzar sobre como promover as linguas desprotexidas de Europa. Na súa intervención defendeu redobrar os esforzos e o investimento para protexer as comunidades lingüísticas como a galega fronte a política de destrución e minorización que leva a cabo o goberno de Feijóo.
“A lingua propia do meu país, Galiza, é unha desas linguas que debe ser protexida. Tristemente, debe ser protexida dos ataques que sofre por parte do seu propio goberno”, relatou a portavoz do Bloque en Europa na súa intervención, que comezou con palabras de Castelao e na que lembrou que o Consello de Europa ten alertado en diversas ocasións das dificultades para usar o galego en ámbitos como a xustiza e a administración, así como o ensino.
No eido educativo, Ana Miranda criticou que en virtude do “Decreto do plurilingüismo”, en Galiza é imposible que os nenos e nenas poidan desenvolver as súas etapas educativas en galego. “O goberno de Feijóo está botando o galego das escolas”, denunciou, ao tempo que criticou que “en Galiza levamos 15 años de parálise na protección do galego por parte da Xunta”.
“Fronte a esta situación de desamparo cómpre redobrar os esforzos para aumentar a protección do galego e o resto das comunidades lingüísticas en Galiza e Europa”, salientou Ana Miranda na súa intervención, quen sinalou a necesidade de incrementar o financiamento de contidos nestas linguas, nos medios e no sector audiovisual. Neste sentido, fixo referencia a discriminación que acaba de facer o goberno do PP co xornal “Nós”, negándolle subvención pública malia ser un medio de comunicación escrito integramente en lingua galega.
Xunto a Ana Miranda, na mesa redonda participaron Davyth Hicks, secretario xeral da Rede Europea para a Igualdade Lingüística-ELEN; Paul Bilbao, secretario xeral de Kontseilua; e Lisandru de Zerbi, tenente de alcalde e delegado de Lingua e Cultura Corsa e Xuventude do Concello de Bastia (Córsega). A mesa foi moderada por Iñaki Irazabalbeitia, membro da Coppieters Foundation e ex eurodeputado. Posteriormente interviron representantes políticos de Irlanda, Catalunya, Flandes e Escocia. Todos os poñentes coincidiron en salientar que falar a lingua propia é un dereito que de debe ser respectado e que a Unión Europea ten que habilitar mecanismos para por fin á discriminación.