Ana Miranda critica o cinismo da CE ao negociar o acordo pesqueiro con Marrocos sen contar co pobo saharaui
A eurodeputada do BNG avanza que o grupo Verdes-ALE non apoiará un acordo que sexa ilegal
A eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, denunciou a “mostra de cinismo da Comisión Europea” pola súa forma de negociar o acordo pesqueiro con Marrocos ao non ter en conta ao pobo saharaui, representado polo Frente Polisario, e centrarse nos beneficios económicos de Marrocos. “Parece que estes beneficios son o único que lle importa á Comisión, pero que beneficio ten a poboación saharaui?”, sinalou Miranda na súa intervención na Comisión de Pesca, ao tempo que asegurou que o grupo Verdes-ALE, no que está integrado o BNG, non apoiará o acordo “se é ilegal”.
“Queremos acordos legais e que os propios pescadores non teñan que sufrir unha reversión do acordo polo propio Tribunal”, manifestou Ana Miranda, en referencia a resolución do Tribunal de Xustiza da Unión Europea do pasado mes de febreiro na que excluía as augas Saharauis do acordo pesqueiro con Marrocos e recoñecía que o único e lexítimo propietario destes recursos é o Pobo Saharaui.
No tocante ás negociacións desenvolvidas pola Comisión, a eurodeputada do Bloque criticou asemade que a delegación de Acción Exterior visitase Marrocos antes de dirixirse aos lugares aos que se refiren os acordos, na zona pesqueira saharaui. “Isto é unha falta de consideración ao lexítimo representante, que é o Frente Polisario, recoñecido por Nacións Unidas”, destacou.
Miranda criticou por outro lado a política colonialista que leva a cabo Marrocos, mediante a que desvía poboación marroquí ás zonas saharauis pesqueiras, facéndoa pasar por poboación local. Este procedemento vulnera os acordos da ONU, xa que estes estipulan que os acordos de pesca deben beneficiar as poboacións locais, é dicir, á poboación saharaui.
Colonización con fondos europeos
“A propia Comisión admite que non hai traballadores saharauis no sector debido a ese proceso de colonización territorial cos fondos europeos para levar alí poboacións de orixe marroquí”, explicou a eurodeputada ao respecto. “Trátase dunha mostra de cinismo máis”, engadiu.
Segundo explicou a eurodeputada, o Tribunal de Xustiza esixiu que o acordo fose consentido polo pobo saharaui, “non das poboacións locais, senón dos representantes do pobo saharaui”. Neste sentido, defendeu que a situación do Sáhara Occidental sexa tratada na Comisión de Pesca, “porque nin lles chegan beneficios, nin se lles está tendo en conta e ademais este acordo pode ser ilegal”.