Ana Miranda confirma que a Comisión Europea dispón do 80% dos fondos para o saneamento integral da Ría do Burgo
A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, salientou hoxe que a Comisión Europea está disposta a financiar o 80% do saneamento integral da ría do Burgo, chegando aos 36 millóns de euros dos 45 millóns totais que pode costa. “Trátase dunha boa nova, pese ra que chega tarde polo desleixo dos sucesivos gobernos do PP e PSOE xa que esta actuación tiña que estar feita no 2013”, considerou durante a visita que realizou xunto ao portavoz municipal en Culleredo, Tono Chouciño, e o portavoz municipal do BNG no Concello de A Coruña, Francisco Jorquera.
“Sabemos que a solicitude de reprogramación dos fondos foi solicitada polo Estado español á Comisión o 27 de novembro, algo que nós levamos reclamando desde hai anos”, explica Miranda, quen subliña que para que o proxecto se poida levar a cabo o Estado debe asumir a xestión dos fondos europeos, pero tamén facerse cargo do custe restante da rexeneración integral da ría.
Para a portavoz nacionalista en Bruxelas é fundamental ter en conta que esta actuación será por fin levada a cabo grazas a presión dos colectivos afectados relacionados coa pesca e o marisqueo, cuxas reclamacións chegaron a Bruxelas en diversas ocasión precisamente da man do BNG. Así recorda que hai pouco máis dun ano este tema foi tratado na Comisión de Peticións do Parlamento, nunha sesión na que os grupos decidiron a manter a denuncia aberta pese a oposición dos populares.
Longa demanda
Ana Miranda asegura que o Bloque seguirá vixiante a execución dos fondos para acometer o saneamento tan longamente demandado, ao igual que defenderon os portavoces nacionalistas na Coruña e Culleredo. “É moi boa nova esta que nos trae Ana Miranda de que os fondos europeos están dispoñibles despois de todos os anos que os colectivos e o BNG levan reclamando o saneamento da ría”, salientaron tanto Francisco Jorquera como Tono Chouciño.
Ademais de poñer de releve o traballo realizado por Miranda na Eurocámara, os portavoces municipais fixeron referencia as graves consecuencias que ten a contaminación da ría na perda de postos de traballo. Así, sinalaron que hai anos O Burgo contou con máis de 2.000 mariscadoras e mariscadores en activo, mentres que na actualizade son menos de cen persoas as que realizan as actividades extractivas.