Ana Miranda: “Confiamos que a Comisión de Peticións acepte a denuncia presentada polas enfermeiras eventuais en loita”
A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, manifestou a súa confianza en que a Comisión de Peticións acepte a denuncia presentada hoxe á vicepresidenta da Comisión de Peticións, Tatjaza Zdanoka, polo colectivo “Enfermeiras eventuais en loita” sobre a precariedade laboral do sector e pola sucesión de contratos eventuais que fai a administración pública galega en fraude de lei contra a normativa europea. “De ser admitida a petición, o colectivo tería que volver a Bruxelas para comparecer na Comisión”, explicou Miranda tras o encontro coa eurodeputada Zdanoka, que cualificou de “moi produtivo”.
Igualmente, no caso de ser admitida a petición, seguirase o procedemento correspondente mediante o cal a Comisión dirixirase ao SERGAS para saber que está acontecendo coas contratacións. “O noso obxectivo é que se lle tire das orellas á administración galega e ao goberno galego por incumprir a normativa europea en materia de contratación”, subliñou a portavoz do BNG en Europa, quen lembrou que existe xa xurisprudencia do Tribunal de Xustiza Europeo sobre casos semellantes, polo que considerou que a Unión Europea “ten que dicir algo sobre este tipo de contratos”.
Precariedade imposible
“Todo o día pendente do móbil para recibir os avisos durante nove ou 10 anos, imposibilidade de planificar nada, múltiples problemas para planificar a vida profesional e persoal, falta de dereitos laborais, concatenación de contratos chegando a traballar practicamente todos os días do mes, sometidas a unha precariedade imposible”, sinalou Catuxa Lagarón, quen exerceu de portavoz das “Enfermeiras eventuais en loita” desprazadas a Bruxelas.
Tamén explicaron que o Consello Internacional de Enfermería e a Organización Internacional do Traballo teñen denunciado que España é o Estado con maior porcentaxe de traballadoras e traballadores pobres e que o sector da enfermería está á cabeza da temporalidade. Ademais a Organización Mundial da Saúde (OMS) sinala que español está á cola do ratio de enfermeiras por habitante, con 5,3 profesionais de enfermería por cada 1.000 habitantes, mentres que a media europea se sitúa no 8,8.
“Saímos esperanzadas das reunións porque vimos moito interese na situación e no que traiamos para contar, que é moito, porque isto é o cumio de moitos anos, que arrastramos desde hai doce anos”, indicou, ao tempo que valorou que no encontro coa vicepresidenta da Comisión de Peticións tiveran a oportunidade de expresarse. “A sensación é boa”, concluíu.