Ana Miranda comprométese coa xuíza María de Servini a seguir loitando na Eurocámara contra a impunidade do franquismo
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, visita Bos Aires e Montevideo nunhas intensas xornadas de traballo que inclúen un encontro coa xuíza María de Servini, instrutora da “Querela arxentina contra o franquismo” –a única que permanece aberta- que impulsa CEAQUA, así como diversos encontros coas colectividades galegas, co obxectivo de abordar a situación actual dos centros galegos e as súas principais inquedanzas.
No encontro que a eurodeputada do Bloque e os integrantes da delegación da Coordinadora Estatal de Apoio á Querela Arxentina (CEAQUA), mantivo coa xuíza María de Servini, Miranda comprometeuse a seguir loitando na Eurocámara contra a impunidade do franquismo. Así, na súa intervención a eurodeputada galega explicoulle á xuíza o contexto europeo de avance da extrema dereita, así como a loita cívica desenvolvida para acadar a devolución do Pazo de Meirás.
Igualmente, eurodeputada galega subliñou o valor dos e das integrantes de CEAQUA pola súa inquebrantable loita así como o papel da xuíza Servini e o seu equipo para que a querela arxentina siga aberta, xa que neste día estanse producindo novas testificais por parte das vítimas. Por outro lado, puxo de releve tamén que desde o Parlamento Europeo se siga defendendo o dereito internacional e se lle siga dando voz a todas as vítimas nas institucións.
No marco da loita pola memoria histórica Ana Miranda manterá un encontro coas Madres de Praza de Maio (Liña Fundadora), ás que trasladará todo o recoñecemento e apoio por parte do BNG no seu constante esforzo na loita pola memoria e na restitución dos nenos e nenas roubados durante a ditadura arxentina.
Manter a lingua e a cultura galegas
No tocante ás reunións previstas coa colectividade galega, a axenda da eurodeputada do BNG comezou cunha visita ao Colexio Santiago Apóstol e a súa directiva, encabezada por Carlos Brandeiro. “Para o Bloque é fundamental manter esta relación estreita coa colectividade galega que tanto esforzo fai, e que fai con tanto agarimo e dedicacións, por manter a nosa lingua e a nosa cultura na Galiza Global”, destacou Miranda, quen lembra que o alumnado do Colexio Santiago Apóstolq, arredor de 500, reciben clases de lingua e literaturas galegas en todos os niveis de ensino. A axenda de Ana Miranda continuará con reunións co resto da colectividade galega en Bos Aires e en Montevideo para abordar as principais preocupacións dos galegos e galegas na diáspora.