Ana Miranda: “Chile vive un momento crucial no recoñecemento da súa plurinacionalidade”
A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, -membro do grupo Verdes-ALE- atópase en Chile para elaborar un informe sobre a situación preelectoral neste país andino, nun momento no que ao seu xuízo destacan os avances polo “recoñecemento real da plurinacionalidade”, en especial do pobo mapuche. Precisamente a mapuche é a comunidade máis numerosa da poboación indíxena chilena, que ten unha longa traxectoria na loita polos seus dereitos e contra a sobreexplotación dos recursos do seu territorio.
Durante a súa estancia en Chile, Ana Miranda –que foi e será eurodeputada en 2022 integrante da Delegación Mixta UE-Chile- desenvolverá unha intensa axenda de encontros con representantes dos movementos sociais, feministas e organizacións de defensa dos dereitos humanos e participará en diversos actos como o celebrado onte pola coordinadora 8M. Neste sentido destaca a reunión, prevista para mañá, coa presidenta da Convención Constitucional de Chile, Elisa Loncón, profesora e política mapuche, figura clave actualmente polo seu traballo no recoñecemento plurinacionalidade chilena.
A coordinadora de Relacións Internacionais do BNG destaca a importancia do Convenio 169 da OIT, que recoñece as reivindicacións dos pobos indíxenas a ter, dentro do marco do Estado no que habiten, o control de institucións propias, das súas terras, a súa lingua, os seus modelos de vida e desenvolvemento económico. Este Convenio, -que rexeita explicitamente a discriminación e o uso da violencia- é unha notable referencia internacional non só para os organismos das Nacións Unidas e as institucións financeiras internacionais, senón tamén para organismos sobre dereitos humanos e tribunais nacionais de xustiza.
Acordo asociación UE – Chile
Ademais de analizar a situación preelectoral de Chile, -que o domingo decide entre o candidato de esquerda Gabriel Boric e o da ultradereita José Antonio Kast-, no seu informe Ana Miranda examinará as distintas vertentes do acordo de asociación existente entre a Unión Europea e Chile, “especialmente respecto á cláusula sobre dereitos humanos”. Este acordo, -asinado en 2002 e baseado nos pilares do diálogo político, a cooperación e o libre comercio-, atópase en proceso de negociación, polo que o grupo Verdes-ALE sigue a súa actualización de primeira mano, atento ao resultado electoral da segunda volta do domingo día 19 de decembro.