Ana Miranda: “Desde Bruxelas seguiremos presionando para que a CIAF realice unha investigación independente do accidente do Alvia”
A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, valora positivamente que o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid emitira unha sentenza na que obriga a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) a tramitar unha petición da Plataforma de Vítimas do accidente do Alvia, acontecido hai case 9 anos, para que se realice unha nova investigación técnica independente do sinistro. “Desde Bruxelas seguiremos presionando para que este mandato se cumpra e se realice unha investigación independente”, subliña.
Precisamente Miranda xa trasladou á Comisión Europea as manipulacións realizadas polo Ministerio de Fomento en 2016 a respecto da presión exercida no executivo comunitario para que non se soubera o contido do informe da Axencia de Seguridade Ferroviaria Europea (ERA) sobre as causas do accidente de Angrois. Mediante esas manipulacións, a CIAF culpaba exclusivamente ao maquinista e trataba de que a UE non revelase as súas críticas á investigación oficial realizada pola CIAF.
Neste sentido, a portavoz do Bloque en Europa sinala que o propio informe da ERA, ademais de cuestionar a independencia da CIAF ao non cumprir cos requirimentos de independencia que establece a Directiva Comunitaria de Seguridade Ferroviaria, tamén poñía de manifesto que as vítimas non foran escoitadas nin tidas en conta neste longo proceso.
Ana Miranda lembra que a Comisión Europea abriu un procedemento de infracción contra España en xaneiro de 2019 por incumprimento da normativa europea de seguridade ferroviaria tras a denuncia presentada polo BNG nas institucións europeas. “Van tres anos da apertura do procedemento de infracción durante os que PP e PSOE, sucesivamente, o único que fixeron foi adiar o cumprimento dos requirimentos da Comisión Europea, primeiro alegando o cambio de goberno e logo a pandemia”, denuncia Miranda, quen considera ”inadmisible que o Estado español non se tome en serio a seguridade ferroviaria”.
Denuncia en Europa
A política nacionalista destaca que este procedemento de infracción ten a súa orixe na denuncia presentada polo BNG na Comisión Europea en xullo de 2017 contra o Estado, o Ministerio de Fomento, ADIF e RENFE por infracción do dereito comunitario en materia de seguridade ferroviaria aplicable no momento do accidente do tren Alvia e por non realizar a avaliación integral de riscos que esixe a norma nos sistemas estruturais, referidos a infraestrutura, enerxía, control de mando e sinalización, sistemas de xestión do tráfico ferroviario.
Por outro lado, Ana Miranda avanza que nos vindeiros meses manterá un encontro coa comisaria de Transportes, Adina Vălean, do mesmo xeito que se reuniu na lexislatura pasada coa anterior comisaria, Violeta Bulc, coa que tanto o BNG, encabezado por Ana Pontón e Ana Miranda, como as vítimas do Alvia se reuniron en diferentes ocasións. “En todos estes anos tense demostrado que a vía europea é fundamental na busca de xustiza para as vítimas do Alvia”, conclúe.