Parlamento Europeo

Ana Miranda: “No BNG defendemos tolerancia cero contra a corrupción”

Ana Miranda. Foto: Delmi Álvarez
A eurodeputada do Bloque demanda maior transparencia e un aumento do control nas institucións europeas
Ao fío da detención da eurodeputada Eva Kaili, -acusada de corrupción e branqueo no caso Catergate, xunto a outros integrantes do Parlamento Europeo-, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, subliñou que a postura do Bloque resúmese na idea de “tolerancia cero contra a corrupción”.

“Xa na comisión de Dereitos Humanos do pasado 14 de novembro, na que se debateu sobre Catar, desde o BNG denunciamos que o mundial de fútbol non podía servir de escusa para tapar situacións inaceptables, como as referidas ás condicións laborais dos traballadores”, recordou Miranda quen ao seu tempo sinalou que os deputados e deputadas do BNG “nin se compran nin se venden”.

No marco das demandas do grupo Verdes-ALE, -no que se insire o Bloque no PE-, a eurodeputada nacionalista salienta a necesidade de poñer en marcha unha reforma das regras éticas e de responsabilidade para poñer fin á corrupción no Parlamento Europeo. Defende ademais unha maior transparencia a respecto dos grupos de presión que actúan -ou pretenden actuar- sobre as actuacións europeas, de forma que estean incluídos no rexistro de transparencia da UE.

“É imprescindible unha maior transparencia e un aumento do control para evitar que os casos de corrupción volvan producirse nas institucións europeas”, salienta Ana Miranda, quen por outro lado critica que os partidos maioritarios sempre vetaron as demandas de transparencia formuladas polo grupo Verdes-ALE, entre as que figura a creación dunha Comisión de investigación específica para investigar a corrupción e a influencia de grupos de presión no Parlamento Europeo.

Destitución

Segundo afirma a eurodeputada do BNG, “hai que pasar das boas palabras aos feitos e dar pasos firmes para combater a corrupción”, sinala a eurodeputada do BNG en relación as declaracións efectuadas estes días polos presidentes dos grupos maioritarios na Eurocámara. Precisamente na sesión plenaria de hoxe, o Parlamento Europeo respaldou por ampla maioría (625 votos a favor, 1 voto en contra e dúas abstencións) que a eurodeputada Eva Kaili sexa destituída vicepresidenta da Eurocámara.

“A súa destitución era a única opción”, manifesta Miranda, quen valora positivamente que esta tarde o pleno do PE debata as sospeitas de corrupción en relación con Qatar e a necesidade de aumentar a transparencia nas institucións europeas.