Ana Miranda: “Benvida a axuda aos extraballadores de Alu Ibérica, pero non esquezamos que é unha esmola polo desmantelamento industrial”
Respecto á aprobación do Fondo Europeo de Adaptación á Globalización (FEAG) dirixido ás extraballadoras e extraballadores de Alu Ibérica, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, considera positivas estas axudas á formación, pero critica que no fondo esta decisión tómase como consecuencia ao desmantelamento industrial e a destrución do tecido produtivo de máis de 300 postos de traballo na comarca da Coruña, así como a perda de produtividade e competitividade en Galiza.
“Goberno estatal, goberno galego e Alcoa son cómplices de chegar a esta situación de desmantelamento, xa que había un acordo de continuidade da empresa que non se está cumprindo”, explica a eurodeputada nacionalista, quen sinala que non se pode esquecer que o desembolso aprobado hoxe de 1.275.000 euros “é unha esmola polo desmantelamento industrial e do tecido produtivo”. “Parece mentira que cheguemos á situación na que recibir unha esmola europea é visto como un éxito”, sinalou.
A axuda de 1.275.000 euros do Fondo Europeo de Adaptación á Globalización (FEAG) ás extraballadoras e traballadores da fábrica de Alu Ibérica na Coruña foi aprobado hoxe na Eurocámara por 585 votos a favor incluído o voto do BNG, 30 en contra e 11 abstencións. A mobilización total será de 1,5 millóns de euros, de forma que o 15% restante (225.000 euros) deberá ser financiado pola Consellería de Promoción do Emprego.
Propostas do BNG
As emendas presentadas polo BNG e incluídas no informe aprobado fan un chamamento para que o Goberno galego teña en conta aos sindicatos á hora de pór en marcha os plans de busca de emprego e formación para as traballadoras e traballadores afectados. Porén, ao respecto, Ana Miranda critica que a relatora do informe non aceptou a referencia á Confederación Intersindical Galega (CIG).
Ademais, entre as emendas do Bloque que foron aprobadas no documento final destaca a referencia ao impacto social e económico que tivo o peche de Alcoa na comarca, plasmado nas grandes mobilizacións que a decisión provocou na cidade da Coruña e a crítica ao desmantelamento. A eurodeputada nacionalista tamén pide transparencia na xestión e posta en marcha destas futuras axudas que fundamentalmente estarán destinadas a formación.