Ana Miranda avanza que Ourense acollerá a segunda parte do Foro da Auga para esixir o cumprimento da Directiva Marco da Auga
A candidata do BNG ao Parlamento Europeo salienta o traballo desenvolvido polo candidato nacionalista Luís Seara e a plataforma Ríos Limpos na defensa do saneamento
A eurodeputada e candidata do BNG ás eleccións europeas, Ana Miranda, anunciou que dada a preocupación que existe pola calidade da auga en Ourense, en especial no río Barbaña e no encoro das Conchas, a cidade das Burgas albergará a segunda parte do Foro da Auga no vindeiro outono. “Tras consensuar a data coa Plataforma Ríos Limpos e co candidato do BNG á Alcaldía, Luís Seara, queremos que de unha vez se tome cartas no asunto diante do desleixo das administracións”, subliñou Miranda tras un encontro celebrado co colectivo ecoloxista e o candidato do Bloque ás municipais.
Ana Miranda explicou que a situación da calidade da auga é “moi preocupante” porque nin en Ourense nin en toda Galiza se está cumprindo a Directiva Marco da Auga, tal e como o propio Luís Seara e representantes da Plataforma Ríos Limpos denunciaron nunha xornada de traballo hai dous meses en Bruxelas diante da directora xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea. “No Parlamento Europeo tomaron este tema en serio e como eurodeputada me están pedindo que envíe máis información”, salientou Miranda.
“A Directiva Marco da Auga é de obrigado cumprimento para as administracións galegas, tanto locais como autonómica e dado o desleixo das administracións, Bruxelas vai investigar”, salientou a eurodeputada galega, quen considerou que este interese do Parlamento Europeo honra o traballo desenvolvido pola Plataforma Ríos Limpos e Luis Seara contra os vertidos incontrolados.
Neste sentido, Miranda explicou que a xornada de traballo que terá lugar en Ourense dará continuidade ao encontro celebrado a principios do mes de maio en Caldas de Reis, no que a situación das rías galegas, as deficiencias do saneamento en vilas como Caldas, Culleredo, Noia, Vilagarcía e Viveiro, entre outras, así como a mala execución dos fondos europeos, centraron a maior parte das intervencións. “Queremos celebrar a segunda parte do Foro da Auga xa cun concelleiro do BNG e xa cunha persoa que poida ter responsabilidade para mudar as cousas como Luís Seara”, concluíu
Propostas municipais
Pola súa banda, Luís Seara criticou a inacción do goberno municipal a respecto da contaminación do río Baraña, “no que desde hai catro anos se levan producido de forma sistemática vertidos incontrolados e o concello non fixo absolutamente nada”, apuntou. Precisamente tivo que ser a Plataforma Ríos Limpos quen foi ao xulgado e se personaron como acusación particular. “E tivo que ser o BNG da man da eurodeputada Ana Miranda a que convidara a Bruxelas a distintos colectivos de Ourense para explicar a contaminación. E, por certo, fomos escoitados”, subliñou.
O candidato do BNG destacou que é imprescindible “mudar "esta dinámica e vivir de cara ao ríos e aproveitar os espazos das beiras dos ríos”. Ao respecto explicou que a formación nacionalista ten propostas concretas como son a elaboración e execución dun plan de protección da paisaxe non só das ribeiras do Miño, senón tamén do patrimonio arbóreo e acuífero de todo o concello, “que está absolutamente abandonado”, así como demandar á Confederación Hidrográfica Miño-Sil “o trato que Ourense merece”. “Demandamos que haxa un plan de recuperación dos nosos ríos e ribeiras para tentar cambiar a actual situación de abandono”, salientou Seara ao tempo que asegurou que o BNG será contundente coas demandas de recuperación dos ríos.
Visita Barbadás e Castrelo de Miño
Na xornada de hoxe, a axenda de Ana Miranda tamén inclúe un encontro coa candidatura do Bloque de Barbadás, - onde visitou o Centro de maiores e o local social de Fonval-, así como con militantes do BNG de Castrelo do Miño. Nesta localidade a eurodeputada do BNG mantivo asemade unha xuntanza con colectivos relacionados con diferentes temas que tratou no Parlamento Europeo, como son a preocupación pola situación da canteira, a PAC e o Consello Regulador.