Ana Miranda: “A aprobación do visado humanitario na Eurocámara demostra que unha Europa solidaria é posible”
A eurodeputada do BNG votou a favor da medida que busca reducir a cantidade de persoas que arriscan as súas vidas tentando viaxar a Europa
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, considera que a aprobación hoxe na Eurocámara do visado humanitario europeo é unha “boa nova” que permitirá reducir o número de persoas que arriscan as súas vidas tentando chegar a Europa. “Tras a aprobación hoxe desta ferramenta tan importante, que demostra que unha Europa solidaria é posible, a Comisión Europea deberá presentar unha proposta lexislativa”, afirmou ao respecto.
Para Ana Miranda -integrante da Comisión de Liberdades Civís, Xustiza e Asuntos de Interior do Parlamento Europeo, da que parte a proposta-, a creación de rutas legais para as persoas que soliciten protección humanitaria “é urxente” para que poidan ter vías seguras de entrada. Neste sentido, insta ao Estado español e ao resto dos Estados Membros a “tomar exemplo” a facilitar a aplicación desta medida.
A iniciativa aprobada hoxe permitiría ás persoas solicitantes de asilo solicitar visados en embaixadas e consulados fóra da UE, a través dos que poderían viaxar legalmente a un país comunitario e xa nel solicitar asilo. “Con esta proposta queremos reducir as mortes no mar e proporcionar vías seguras de entrada, xa que o sistema de asilo europeo actual só permite que as solicitudes sexan administradas unicamente polo primeiro país de entrada”, explica a eurodeputada nacionalista.
O regulamento actual da Unión Europea sobre o asilo só permite ás persoas que chegan ao territorio comunitario tramitar a súa solicitude, o cal non garante unha entrada segura en territorio europeo. Pola contra, o visado humanitario será o instrumento legal para que persoas refuxiadas soliciten protección humanitaria internacional en calquera consulado ou embaixada de calquera Estado da Unión Europea e que no caso de ser autorizada, poidan viaxar ao territorio dese Estado de forma segura.
Frear a criminalización
Miranda lembra que o Parlamento Europeo instou a aplicar os visados humanitarios no contexto da crise humanitaria, e en especial despois das mortes continuas no Mediterráneo. Ademais, a eurodeputada galega insiste na necesidade de potenciar unha vía solidaria e responsable á cuestión migratoria e ao drama das persoas refuxiadas fronte á criminalización das organizacións que traballan no eido da axuda humanitaria.