parlamento europeo

Ana Miranda anuncia o apoio do BNG a denuncia contra a balsa que afecta á veciñanza de Brión na Comisión de Peticións da Eurocámara

Reunión Brión
A eurodeputada do Bloque mantivo un encontro coa Plataforma Non á Balsa Cornanda-Tambre

A eurodeputada do BNG e candidata ás eleccións europeas, Ana Miranda, mantivo un encontro coa veciñanza afectada polo proxecto de construción da macrobalsa en Brión, aglutinada na Plataforma Non á Balsa Cornanda-Tambre, á que amosou o total apoio do Bloque para presentar unha denuncia na Comisión de Peticións da Eurocámara.

“Quero agradecer a Plataforma por defender a súa terra, os seus recursos, a súa auga e a súa natureza”, manifestou Miranda na xuntanza, ao tempo que salientou que a Plataforma “nace fronte a un proxecto que quere espoliar as súas terras e que ten falta de seguridade”, xa que a balsa prevista para a central hidráulica de Cornanda ocuparía unha superficie de 35 hectáreas e se situaría cerca dos núcleos de poboación, -só a 198 metros das vivendas do núcleo de Busto de Frade e só a 75 metros por riba do nivel das casas- e na proximidade da Rede Natura.

Reunión Brión

Segundo explicaron as representantes da Plataforma no encontro, a construción da central significaría a desaparición de 36 explotacións agrarias e gandeiras xa que o 48% dos terreos necesarios para a balsa son de uso agrícola. “A desaparición destas explotacións, que xa contan con relevo xeracional, sería un golpe económico para esta comarca”, denunciaron.

Falta de transparencia

Ademais destes problemas derivados dos riscos que a balsa pode ter para as casas, tamén criticaron a falta de transparencia coa que se ten xestionado este proxecto, ao non facilitar información á veciñanza afectada. “Este é outro dos aspectos que se poden denunciar na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo”, indicou a eurodeputada do Bloque, quen puxo como exemplo outros casos que o BNG ten apoiado na Eurocámara, como as preferentes, as enfermeiras en loita, .

Pola súa banda, o concelleiro do BNG de Brión, Xosé Penas, ademais de agradecer a Ana Miranda a súa dispoñibilidade para manter o encontro, salientou a importancia de “darlle voz, unha vez máis, as reivindicacións da Plataforma Non a balsa da Cornanda”.”Dende o BNG de Brión agradecemos enormemente o esforzo da nosa compañeira en poder facer chegar as xustas reivindicacións despois que dende as institucións máis próximas (Xunta e Concello) non teñamos máis que demoras e escusas para as achegas deste grupo e da veciñanza da Cornanda”, manifestou.

Así, apuntou que a veciñanza sigue “agardando un maior esforzo en canto ao apoio necesario tanto xurídico como a nivel de axuda técnica e máis despois da declaración institucional aprobada no pleno de decembro derivada dunha moción previa do BNG”, xa que o compromiso de axuda e de esforzos para revocar calquera proxecto de construción do impacto múltiple que pode ter esta balsa “polo momento non se ve proxectado en feitos concretos”.