Ana Miranda acusa ao goberno galego de uso caciquil dos fondos europeos e falta de transparencia
“O goberno galego executa mal e tarde os fondos europeos. Xa non é que o diga como eurodeputada do BNG, xa non é que o digamos dende o Bloque Nacionalista Galego, senón que o reafirma o Consello de Contas no último informe que vén de ser publicado”, subliña Ana Miranda en relación ao dato publicado por este organismo segundo o cal o goberno galego só executou o 50% dos fondos europeos a xestionar até o ano 2022.
Esta preocupación pola mala execución dos fondos europeos vén de ser reiterada novamente pola eurodeputada do BNG a través da presentación dunha pregunta parlamentar. “É un tema que nós levamos denunciando en Bruxelas desde hai moito tempo”, explica Ana Miranda, tanto en referencia á baixa execución como pola falta de transparencia e o uso caciquil dos fondos.
Precisamente no documento enviado á Comisión Europea, a eurodeputada galega sinala que a propia Comisión recomenda transparencia na publicación das axudas e reducir as modificacións de crédito, así como simplificar as tarefas administrativas”, o cal leva a reprogramar os fondos de forma que a súa execución aínda é menor.
Reprogramación interesada
“Como vai garantir a Comisión que a excesiva e interesada reprogramación non desvirtúe os obxectivos xerais do programa operativo Galicia 2021-2027 en favor de obxectivos curtopracistas e caciquís?”, pregunta Ana Miranda no documento enviado á Comisión.
“Non podemos estar vendidos por un goberno galego que reprograma fondos dunha maneira totalmente en contra dos intereses galegos e que ademais está condicionando os fondos europeos para o seguinte período sen ter en conta a oposición galega, que oxalá poida xestionalos no ano 2028 cun cambio de goberno”, manifesta Ana Miranda, quen asegura que dende a Comisión de Política Rexional (tamén chamada de Cohesión) da que forma parte como eurodeputada galega do BNG “teremos moi en conta” a cuestión da absorción de fondos.