A alternativa para Galiza, artigo de Francisco Jorquera

O 21 de outubro os galegos e galegas están chamados ás urnas. Curiosamente, foron os señores Patxi López e Mariano Rajoy os que decidiron esta data. Feijóo, despois de defender en reiteradas ocasións que esgotaría a lexislatura, acabou asumindo as instrucións que o manteñen no seu papel de fiel delegado de Madrid en Galiza. Hai escasamente unha semana o PP habilitaba o mes de agosto para a comisión de investigación sobre as caixas galegas e repetía a súa intención de reducir o Parlamento galego antes dos comicios. Bastou que Rajoy calibrara o que significaría unha perda de votos en Euskadi e as duras consecuencias dun eventual rescate para que Feijóo desdicira as súas palabras en cuestión de horas. A decisión deste adianto político, que non técnico, só busca despexar o panorama electoral para que o PP a nivel de Estado poda seguir desmantelando o estado do benestar.

Mais aínda nestas circunstancias, eu celebro esta decisión, porque a lexislatura que remata deixa un balance nefasto para os galegos e galegas. Feijóo fracasou en todos os planos da súa xestión converténdose no peor presidente da nosa recente historia democrática. O desemprego aumentou por riba da media estatal levando a Galiza a unha situación límite. Non hai un só sector económico deste país que resista as políticas de recortes das que se gaba a dereita. A sanidade, a educación pública e os servizos sociais sufriron un deterioro interesado e planificado na busca de novos nichos de beneficio para o capital privado.

O cambio que necesita Galiza só é posíbel defendendo outras políticas. Políticas que planten cara aos recortes que impón Madrid para sanear a banca privada. O empobrecemento que padece a maioría da sociedade demanda alternativas a estas políticas fracasadas.

Nós, os e as nacionalistas galegos, queremos facerlle fronte á recentralización, á perda de liberdades e dereitos da cidadanía. Queremos defender o dereito a producir e vivir dignamente en Galiza que outros ignoran.

Sabemos das dificultades da xente, o BNG leva moito tempo traballando na rúa coa Galiza que se move e que non quere resignarse. Estamos preparados para asumir o reto de transformar tanto descontento nunha alternativa co centro nos intereses de Galiza e das maiorías sociais.

 

Publicado en L.V.G.