A ALE celebra a súa XII asemblea en Galiza en vésperas das eleccións europeas

A Alianza Libre Europea (ALE) celebra a súa asemblea anual en Santiago de Compostela entre os días 13 e 15 de febreiro co BNG como formación política anfitrioa, a apenas tres meses das eleccións do 25 de maio á Eurocámara, onde o Bloque comparte grupo no hemiciclo de Bruxelas coa ALE en coalición cos Verdes europeos, no que constitúe a cuarta forza política do Parlamento Europeo.

Precisamente, o BNG, a través a eurodeputada Ana Miranda, desenvolveu o seu traballo en defensa dos intereses de Galiza na UE, como membro da ALE, nun período no que a Eurocámara debateu e aprobou cuestións de enorme transcendencia para o país como a Política Agraria Común, a Política de Pesca Común, a Rede Transeuropea de Transportes ou os fondos comunitarios, en todos os casos marcando as regras de xogo ata 2020.

A ALE é un partido europeo integrado por 40 formacións políticas nacionalistas de 17 estados europeos, que ten como elemento común a defensa dunha “Europa dos pobos” a través do exercicio do dereito de autodeterminación, da defensa da diversidade lingüística e cultural así como da defensa do desenvolvemento económico e social das súas respectivas nacións.

Entre as organizacións políticas membros da ALE no Estado español van participar ademais do BNG, Esquerra Republicana, Aralar, Eusko Alkartasuna, Bloc Nacionalista Valenciá, PSM-Entesa Nacionalista de Mallorca, Nueva Canarias e Partido Andalucista, así como representantes do Partido Nacionalista Escocés (SNP), do Partido Nacionalista de Flandes (N-VA) e do Partido Nacionalista de Gales (Plaid Cymru) entre outros, ata un total de 150 representantes que se darán cita en Galiza.

A celebración da Asemblea, que será inaugurada polo portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, e polo presidente da ALE, o flamenco Eric Defoort, dará ás formacións políticas a oportunidade de estreitar lazos de cara o traballo conxunto como organizacións nacionalistas e no Parlamento Europeo despois das eleccións de maio.

Neste sentido, a xornada do 15 de febreiro estará centrada nun gran acto político que organiza o BNG coa participación de diferentes referentes políticos da ALE para abordar o reto das eleccións europeas, nas que o Bloque ten como obxectivo acadar unha voz forte para a defensa de Galiza en Bruxelas e contribuír a construción dun modelo de Europa democrática, solidaria e dos pobos, fronte ao modelo neoliberal impulsado pola Troika ao servizos dos lobbies económicos e financeiros.

En paralelo coa Asemblea anual da ALE, tamén se vai celebrar en Santiago a Asemblea de ALE-Mocidade, que congregará ás organizacións e grupos das mocidades dos partidos membros, neste caso con Galiza Nova como anfitrioa e, igualmente, haberá actos concretos coas fundacións dos partidos políticos organizados pola Fundación Galiza Sempre (FGS).

A secretaria de Política Internacional, Ana Miranda, que onte asistiu á executiva da ALE, salientou “a importancia” desta cita que traerá a Santiago en vésperas dos comicios europeos a responsables políticos de organizacións nacionalistas de toda Europa que comparten o dereito dos pobos a decidir por si mesmos que, no caso do BNG, supón a defensa do autogoberno e das institucións do noso País, para avanzar cara unha Galiza soberana.