O alcalde de Riotorto fai un chamamento social para frear a "inhumana" medida do copago do PP
Dentro da estratexia de insubmisión do BNG contra ás medidas de recorte do PP, o alcalde de Riotorto toma de novo a iniciativa e fai un chamamento social para frear a "inhumana" medida de copago dos medicamentos hospitalarios aprobada polo Goberno central e asumida pola Xunta de Feijóo.
O nacionalista Federico Xosé Gutiérrez Estoa diríxirse por carta aos colectivos sociais, aos colexios profesionais, as plataformas en defensa da sanidade, aos representantes institucionais, ao movemento veciñal, aos sindicatos, ás organizacións profesionais, as asociacións de doentes e en definitiva ao conxunto do tecido social, para organizar en réxime de autocovocatoria unha xuntanza que se celebrará o sábado 26 ás 11:00 h na Casa da Cultura do Concello de Riotorto.
No escrito feito público polo propio rexedor deixa claro o obxectivo: facer unha fronte do conxunto da sociedade galega para derogar a orde que fixa o copago para determinadas doenzas crónicas ou, no seu defecto, paralizar a súa aplicación en Galiza.
Estoa, o primeiro alcalde que manifestou que no caso de que esta medida fose adiante o seu Concello asumiría o copago ao que tivesen que facer fronte os seus veciños volveu falar alta e claro:
Non teño dúbida algunha que a grande a maioría da sociedade, isto é esa grande maioría de xentes de ben, non podemos dar por bo unha proposta que deixa fora do dereito a saúde a homes e mulleres en función do seu poder adquisitivo. Pero hai máis, porque tamén esa grande maioría de xentes de ben, temos unha responsabilidade coa nosa sociedade de hoxe e coa sociedade que lle imos deixar en herdanza aos nosos fillos, alega Estoa.
En definitiva, asegura o alcalde, tócanos a nós dar esa grande batalla social que garanta que a sanidade en Galiza vai seguir a ser algo universal e gratuíto. Non hai posibilidade de mellorar o presente, de dotar ao noso pobo duns estándares mínimos de calidade de vida se non somos quen de enfrontar a axenda da Xunta que é a mesma que ao do capital. É máis, esta decisión non se xustifica mesmo desde a perspectiva do aforro para os orzamentos públicos, algo que recoñeceu o presidente da Xunta, o problema está en que o presidente da Xunta está nunha cruzada contra a sanidade pública e tanto lle ten o que lle poida acontecer a unha persoa que careza de medios económicos.
O rexedor do BNG confía en que a presión social faga rectificar ao Goberno, e explica con exemplos concretos os efectos da medida do copago para @s doentes afectad@os:
A decisión do goberno significa cruzar todas as liñas vermellas, xa que pretenden cobrar por medicamentos como Afinitor o el Tyverb utilizados para retrasar o cancro de mama, o Votrient ou Temodal utilizados para o tratamento do cancro de riñón e os tumores cerebrais respectivamente, a máis doutras medicacións como LCM prescritos para a leucemia mieloide crónica, o tratamento de tumores malignos non resecabeis e/ou metastásicos do estroma gastrointestinal (GIST), a artrite reumatoide, a dexeneración macular ou a hepatite c crónica.
En definitiva , recalcou o alcalde de Riotorto, estamos diante dun goberno sen alma que non coñece a palabra humanidade e que con decisións deste tipo non fai outra cousa que retratarse ou deixar claro que só goberna para os ricos.
Neste sentido, Estoa lamentou especialmente as palabras do vicepresidente do Goberno galego ou do alcalde de Ferrol en canto tamén é presidente da FEGAMP, que consideraron unha cuestión menor prestar estes servizos aos cidadáns. É unha canallada que demostra que carecen de corazón, sentimentos e humanidade, declarou.
Estoa afirmou que as últimas decisións que ven de adoptar o Ministerio de Sanidade afecta a doenzas tan sensíbeis como o cancro de mama ou ril, os tumores cerebrais, a leucemia ou a SIDA e significa, de facto, a ruptura con todas a liñas vermellas que garantían a universalidade da sanidade.
O alcalde de Riotorto conclúe decindo que só hai un camino: Instar ao presidente da Xunta a que paralice a entrada en vigor da Resolución do 10 de setembro de 2013, da Dirección Xeral da Carteira Básica de Servizos do Sistema Nacional de Saúde e Farmacia, pola que se procede a modificar as condicións de financiación de medicamentos incluídos na prestación farmacéutica do Sistema Nacional de Saúde mediante a asignación de achega do usuario e, na mesma liña, demandar do Goberno do Estado a derogación da resolución recollida no BOE do 10 de setembro que establece a obrigatorieade da achega do usuario para as patoloxías e a carteira de medicamentos fixadas na referida resolución.
Federico Gutiérrez Estoa
Alcalde de Riotorto